Novas axudas para os homes que reduzan a súa xornada laboral para coidar dos fillos

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se convocan axudas aos traballadores que reducen a súa xornada laboral para coidar dos seus fillos menores de tres anos.

O orzamento destas axudas ascende a 440.958 euros, e a contía que poden percibir as persoas beneficiarias vai dos 1.600 aos 3.600 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada e do número de menores ao seu cargo.

Esta liña de axudas ten como obxectivo apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos homes e contribuír á desaparición dos estereotipos sobre a diferente disposición de homes e mulleres a asumir o coidado dos fillos menores, informou a Xunta nun comunicado.

"Neste contexto, as axudas de Igualdade supoñen un apoio económico para aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral a estes efectos, considerando que esta medida favorece tamén a permanencia no mercado laboral das mulleres traballadoras con responsabilidades familiares", engádese na nota.

Ademais dos homes, as axudas tamén poden ser solicitadas por familias monoparentais, con independencia de que a persoa responsable da unidade familiar sexa un home ou unha muller.

As axudas poden ser solicitadas polas persoas que se atopasen en situación de redución da xornada entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013, polo coidado de fillos biolóxicos ou ben adoptados ou en situación de acollemento familiar, permanente ou preadoptivo.

Desde o ano 2007 no que Igualdade iniciou esta liña de apoio, un total de 1.172 homes obtiveron axudas á redución da súa xornada laboral. Deles, 683 eran da provincia da Coruña, 368 de Pontevedra, 64 da de Lugo e 57 de Ourense.

Nese mesmo período, obtiveron tamén estas axudas 407 mulleres, nais de familias monoparentais. Delas, 192 eran da provincia de Pontevedra, 167 da Coruña, 28 de Lugo, e 20 de Ourense.

Comentarios