O novo Plan Forestal permitirá plantar máis eucaliptos

O texto aprobarase entre finais de 2018 e principios de 2019 ► A polémica especie poderá chegar a ocupar o 16% do monte galego

Varios eucaliptos. EP
photo_camera Plantación de eucaliptos. EP

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, deron conta este xoves do Plan Forestal de Galicia que será aprobado definitivamente entre finais de 2018 e principios de 2019 e que "dá cabida a todas as especies" non "demonizando" a ningunha delas.

Así o dixo a titular de Medio Rural despois de que o Executivo revisase na súa reunión semanal o Plan Forestal que actualmente se atopa en fase de información pública e que ten como obxectivo "ordenar a política forestal galega durante os próximos 20 anos" substituíndo ao actual que conta con 26 anos en vigor.

O documento propón que un modelo de monte no que se poidan repoboar máis hectáreas a maiores das existentes con accións silvícolas "para mellorar o resultado económico" do traballo no monte "tendo cabida todas as especies e sen demonizar ningunha especie".

Neste sentido, é probable que o eucalipto aumente a súa extensión con 25.000 hectáreas máis, o que suporía que ocupe un 16% da superficie total, mentres que remarcou a extensión ocupada por coníferas será do 26%.

No plan, "non existen especies demonizadas, existe biodiversidade"; entendendo que "hai especies de crecemento rápido", como os eucaliptos, polas que os propietarios se decantaron ao poder obter beneficios dunha forma máis rápida xa que existe demanda.

Un dos obxectivos do plan é "multiplicar por dous a cantidade de madeira que produce Galicia nas próximas dúas décadas"

No entanto, subliñou que o aumento permitido é moi baixo xa que na actualidade a superficie de eucaliptos sitúase no 15% e unicamente podería situarse nun 16%.

Insistiu xa que logo en que o texto establece o modelo de monte galego para os próximos 20 anos, determinando unha repartición equilibrada do territorio entre a superficie para produción sostible de madeira e a dedicada a frondosas autóctonas, así como a espazos abertos e pasteiros.

Remarcou que un dos obxectivos principais deste plan é "multiplicar por dous a cantidade de madeira que produce Galicia nas próximas dúas décadas" pasando dos 8 millóns de metros cúbicos anuais aos 16 millóns e garantindo, "a calidade da madeira e a sustentabilidade do monte".

Ángeles Vázquez explicou que a revisión do plan é necesaria para adaptar o modelo e a planificación forestal á realidade actual do monte galego, así como para incorporar os cambios na normativa vixente.

Segundo remarcaron tanto o presidente galego como a responsable de Medio Rural, as medidas recollidas no plan supoñen un investimento anual de 112 millóns de euros en 2018, unha cantidade que se incrementará un nun un por cento cada ano durante as próximas dúas décadas.

Ambos os mandatarios destacaron o consenso co que xorde esta normativa, xa que este texto "non busca ser o Plan Forestal da Xunta, senón o Plan Forestal de todos os galegos". En base a iso, trátase dun texto que será revisado cada cinco anos unha vez sexa aprobado definitivamente co obxectivo de incorporar, no caso de que sexa preciso, "novas tendencias e sensibilidades".

Ademais, a titular de Medio Rural fixo fincapé na incorporación de conceptos como o de montes "modelo", a modo de referentes de xestión forestal a nivel de distrito, ou de silvicultor "activo", tanto para os propietarios individuais como colectivos.

Núñez Feijóo confiou en que este texto se complete coas conclusións da comisión parlamentaria de estudo sobre incendios forestais e cuxa relatorio —que permitirá elaborar o ditame da comisión posteriormente— pode "estar a finais deste mes". Por iso, asegurou que desde o Goberno estarán "moi atentos" ás citadas conclusións para "no seu caso incorporalas ao Plan Forestal" posto que son "dous foros distintos pero co mesmo obxectivo".

Comentarios