Xa se pode solicitar o novo 'bono aluguer' para mozos da Xunta

Os beneficiarios deberán acreditar que teñen unha fonte regular de ingresos que non supere os 24.318 euros anuais
Una vivienda en venta o alquiler en la capital lucense. XESÚS PONTE
photo_camera Unha vivenda en aluguer na capital lucense. XESÚS PONTE

A Xunta publica este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do novo Programa do Bono Alugueiro Mocidade e procédese á súa convocatoria para o ano 2022.

Estas subvencións, que se concederán por un período de 2 anos e cun importe de 250 euros –sempre que non supere a contía da renda mensual–, están dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos que teñan a súa residencia habitual nunha vivenda ou habitación en réxime de aluguer ou de cesión de uso.

De igual xeito, deberán acreditar que dispoñen dunha fonte regular de ingresos e estes non poderán superar 3 veces o Iprem, é dicir, 24.318,84 euros anuais.

A partir deste venres 1 de xullo, as persoas que reúnan os requisitos económicos, de idade e todos os que se recollen na propia convocatoria poderán solicitar esta subvención, un trámite que terán que facer, obrigatoria e necesariamente, por medios electrónicos.

Para iso, os interesados deberán presentar o correspondente formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta, realizar unha serie de declaracións responsables –oito en total–, así como cubrir os anexos correspondentes.

Ademais, os solicitantes do bono terán que achegar pola mesma vía varios documentos complementarios, como o contrato de aluguer da vivenda ou de habitación ou contrato de cesión de uso; a referencia catastral do inmoble, se non figura no contrato; ou un documento asinado polo arrendador no que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que se inclúan gastos de comunidade e/ou anexos, cuxo importe non estivese desglosado.

Tamén será necesario achegar o certificado de empadroamento colectivo no que consten as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda en cuestión; ou ben certificado individual, se na vivenda reside unicamente o solicitante; así como documentación justificativa da fonte regular de ingresos do solicitante.

OUTRAS PAUTAS. Así mesmo, no caso de que o solicitante teña dereito ao recoñecemento da axuda con carácter retroactivo –desde a data de firma do contrato de aluguer ou cesión, pero nunca con efectos anteriores ao 1 de xaneiro de 2022– tamén se debe presentar certificado bancario que acredite o pago da renda nas mensualidades anteriores á solicitude.

E se se dá a situación de que o pago íntegro fose realizado por unha única persoa en nome dos restantes, un escrito de conformidade dos outros arrendatarios.

Para rematar, se o solicitante aínda non asinou ningún contrato pero está en condicións de subscribilo, tamén poderá pedir o bono aluguer mocidade e optar á súa concesión nas mesmas condicións.

Para isto, deberá achegar xunto coa súa solicitude electrónica, un compromiso, asinado por arrendador e arrendatario ou arrendatarios, da formalización dun contrato de aluguer ou cesión de uso no que se faga constar o importe da renda ou do prezo da cesión individualizado; o concello no que se localiza a vivenda; a referencia catastral do inmoble; as persoas arrendatarias que subscribirán o futuro contrato; e a data a partir da cal terá efectos económicos.

Comentarios