Nova normalidade con vellos hábitos: Feijóo repetiría na Xunta tras o 12-J

A xestión da pandemia segue reforzando o bipartidismo cunha maioría absoluta do PPdeG e un ascenso espectacular do PSdeG

Distribución de los diputados según el sondeo de Infortécnica
photo_camera Distribución dos deputados segundo a sondaxe de Infortécnica

Superado o peor da crise sanitaria do coronavirus, Galicia entra de cheo na chamada nova normalidade, que parece nova en todo menos no político, onde se manteñen os vellos hábitos e dinámicas previos á pandemia. Así, Feijóo non tería ningún problema para renovar a súa maioría absoluta o 12 de xullo, nunhas eleccións autonómicas que tamén priman ao PSdeG, mentres estancan ao BNG e dilúen case ata a extinción ao rupturismo.

A enquisa de Infortécnica para El Progreso estanca ao BNG e penaliza ao rupturismo. Un terzo dos galegos segue sen definir o seu voto

Esa é polo menos a conclusión da última sondaxe de Infortécnica para El Progreso, a primeira que inclúe datos con Galicia instalada nesa nova normalidade, xa fose do estado de alarma.

Segundo a enquisa, o PPdeG estaría en disposición de renovar a súa maioría absoluta ao conseguir entre 39 e 43 deputados. é unha pinza ampla, pero en calquera caso cun colchón suficiente sobre os 38 escanos que marcan a posibilidade de gobernar en solitario. De feito, o peor escenario que pinta a sondaxe para os populares é o de perder un asento en Ourense e outro en Pontevedra, quedándose con 39 dos 41 que conseguiu hai catro anos.

Captura

A esa primeira conclusión sumar outra: os grandes movementos de electorado limítanse a un transvasamento de voto entre a esquerda. O PSdeG e, en menor medida, o BNG pescan no caladoiro do rupturismo, representado por En Marea en 2016 e agora por dúas coalicións —Galicia en Común e Marea Galeguista— e que practicamente desaparece do mapa (3-4) e, de feito, faio nalgunha provincia. A posibilidade de sorpasso do Bloque ao PSOE na disputa polo liderado da esquerda que esta mesma semana avanzaba o CIS parece remota, cun Partido Socialista disparado de 14 a 21-24 escanos e un BNG que quedaría nun máximo de 8-9.

O número de galegos que aínda non ten claro a quen votar é elevado, con Lugo como a provincia con máis porcentaxe de indecisos

E para rematar, convén recordar que se as enquisas sempre teñen marxe de erro, a dose de incerteza dos estudos demoscópicos para o 12-X multiplícase. Existe un novo escenario que implica incluso novas regras de xogo para a campaña e para a xornada electoral, o que sumado á ameaza de rebrotes e á propia data electoral, en pleno verán, converte a participación nestas autonómicas nun cóctel indescifrable a estas alturas, cun 35% de indecisos.

A CORUÑA. A fotografía que debuxa Infortécnica na circunscrición coruñesa é idéntica á de hai 15 días: un PP que pode manter os seus 13 escanos ou incluso sumar un, un PSOE que salta de 5 a 7 e un BNG que tamén crece de 2 a 3. Fano todos a costa do capital electoral do rupturismo, que en 2016 foi segunda forza con 5 escanos e agora non pasaría, no mellor dos casos, de dous, os de Tone e Luca Chao, deixando fóra a Martiño Noriega. É curioso este mal comportamento electoral se se ten en conta que A Coruña é o teórico bastión de votos do rupturismo galego.

A sondaxe na provincia coruñesa, a que máis escanos reparte polo seu enorme peso poboacional, apunta á loita por un escano que estaría a bailar entre PP e Galicia en Común, aínda que cunha porcentaxe de indecisos do 34,5% resulta difícil afinar con certeza.

LUGO. Na provincia de Lugo si se producen cambios significativos con respecto á anterior onda da enquisa, cando Galicia aínda deambulaba entre a fase 2 e a 3. Mantense invariable a posibilidade do PPdeG de subir un escano, pasando de 8 a 9, mentres que se confírma o crecemento socialista, que pasa de 3 a 4-5 escanos. Con todo, mientra que Infortécnica concedía opcións a Galicia en Común na súa anterior enquisa, agora déixao sen os dous deputados conseguidos en 2016, Luís Villares e Paula Vázquez Verao. Serían os que se estaría disputando o bipartidismo, porque o Bloque quedaría nun, como agora, o que representa Olalla Rodil. Só quince días antes, a sondaxe si metia aos nacionalistas na loita por un dos escanos que está no aire na circunscrición lucense.

O rupturismo desaparece da Galicia interior e os seus votos de 2016 nutren sobre todo ao PSdeG, que afasta a pantasma dun sorpasso


Deste xeito, a tres semanas do 12-J confírmanse dúas realidades: unha é que o escenario lucense estará marcado pola loita do bipartidismo clásico PP-PSOE; e a outra é que Galicia en Común non logra despegarse a etiqueta de partido urbano do eixo atlántico ou a AP-9, xa que ten problemas para obter representación nas provincias do interior, onde ademais a obtención do primeiro escano adoita ser basante cara.

E todo isto cunha porcentaxe de indecisos do 36%, o máis elevado de toda Galicia.

OURENSE. A provincia de Ourense, sempre cun comportamento singular a nivel político, mantén nesta ocasión a dinámica do resto de Galicia e da anterior sondaxe. Infortécnica non lle dá opcións á lista de Galicia en Común que encabeza David Bruzos, un botín que se reparten PSdeG e BNG, que poderían dobrar a súa representación a 4 e 2 escanos, respectivamente. No caso socialista confírelle incluso a posibilidade dun quinto asento no Hórreo, que ben podería restarlle ao PPdeG, xa que a proxección da dereita non descarta unha baixada dun escano, dos 9 de 2016 a 8.

PONTEVEDRA. A pontevedresa é outra circunscrición relevante polo número de escanos que reparte e, sobre todo, por ser un dos bastións de voto socialista, con Vigo como exemplo clásico de territorio hostil para a dereita. De feito e a diferenza da anterior sondaxe, agora si se contempla unha posible baixada popular de 11 a 10 escanos. Ese asento no Hórreo recolleríao un PSdeG catapultado dos 4 escanos de 2016 ata os 6-7 o próximo 12-X, froito da descomposición rupturista, unha vez máis. Iso si, Galicia en Común tería en Pontevedra o seu mellor comportamento electoral no conxunto da comunidade: dous escanos asegurados, mentres que o Bloque tamén apontoaría a súa subida de 2 a 3 deputados.

Pontevedra antóllase novamente vital na batalla pola Xunta e ten o segundo maior porcentaxe de indecisos: 35,4%.

As portas do Parlamento seguen pechadas a outros partidos
Unha das conclusións destacadas do estudo de Infortécnica para El Progreso é que no Parlamento galego non hai sitio para ninguén máis aló dos catro principais partidos e coalicións, quedándose o resto de forzas bastante lonxe do 5% esixido pola lei autonómica para obter representación. Así, mentres a mesma sondaxe realizada 15 días antes deixaba unha porta aberta, aínda que remota, á entrada doutras siglas como Vox, Cs ou En Marea —agora rebautizada como Marea Galeguista—, o estudo actual da semana pasada e esta non augura nada bo para as novas aventuras políticas.

MÁXIMA DO 2,2%. A evolución dos pequenos partidos é negativa desde marzo, cando Infortécnica si contemplaba algunha posibilidade para eles. Agora, suman como máximo un 2,2% na provincia da Coruña, mientra que no resto de circunscricións non chegan ao 2%.

 

Ficha técnica
Empresa: Infortécnica
Poboación: Maior de 18 anos
Data: Do 8 ao 18 de xuño
Entrevistas: 1.290
Marxe de erro: 2,78%
Mostraxe: Probabilístico, aleatorio simple
Poboacións: Todas, proporcional

Comentarios