Normalidade nas oposicións de Correos en Galicia, con 169 prazas e case 10.000 aspirantes 

Aspirantes en las oposiciones de Correos en Silleda. EFE
photo_camera Aspirantes nas oposicións de Correos en Silleda. EFE

A normalidade e a tranquilidade reinaron este domingo no recinto feiral de Silleda, o único punto en toda Galicia no que se realizaron as oposicións para acceder a un dos 4.005 postos laborais fixos ofertados por Correos en toda España na maior convocatoria da súa historia. En concreto, para traballar na empresa pública na comunidade convocáronse 169 prazas, ás que aspiran 9.756 persoas.

No conxunto de España habilitáronse 86 puntos de exame, onde se estima que se deron cita uns 166.350 aspirantes. A previsión é que aqueles que accedan a un dos postos se incorporen "no segundo trimestre" do 2020, tal e como avanzaron fontes de Correos. 

Das 169 prazas ofertadas para traballar en Galicia, 105 son para desempeñar funcións de reparto motorizada e a pé no ámbito urbano e rural, 23 de axente de clasificación en centros loxísticos e 41 para atención ao cliente en oficinas. 

De acordo con esas mesmas fontes, as probas desenvolvéronse sen incidencias e consistiron en dúas fases. A primeira delas foi común para todos os aspirantes e iniciouse ás 10.00 horas; mentres que a segunda, a partir das 14.30, foi específica para atención en oficina. O recinto feiral de Silleda foise baleirando a partir das 16.00 horas.

O EXAME "NON ABONDA". O exame foi tipo test, cun centenar de preguntas, das que 90 estaban centradas nos produtos e servizos de Correos e outras 10 nunha proba psicotécnica. No entanto, fontes da empresa pública avisan de que o exame "non abonda" para obter un posto, senón que supón o 60% da puntuación. O 40% restante correspóndese con méritos, permisos de conducir, titulacións e cursos, entre outros parámetros.

Comentarios