Nogueira móstrase ''tranquilo'' tras a súa declaración

O concelleiro socialista José Nogueira chegou aos xulgados lucenses no marco da chamada Operación Pikachu, unha continuación do caso Pokemon que investiga a existencia de supostas irregularidades na concesión de diversos contratos ao grupo Vendex na cidade, na que foron imputados unha decena de funcionarios e dous concelleiros.

O edil do PSdeG, que foi responsable de Contratación do Concello coruñés na época do goberno bipartito, mostrouse ante os medios con moitas ganas de colaborar «coa Xustiza» e saíu logo de 45 minutos de declaración, dicindo que lle preguntaron só por dous contratos, que ademais son do actual goberno do PP.

José Nogueira chegou á sede xudicial da Praza de Avilés, en Lugo, cando faltaban vinte minutos para as cinco da tarde, un pouco antes da hora na que fora citado a declarar pola xuíza instrutora, Pilar de Lara.

Acompañado do seu avogado, atendeu brevemente ás preguntas dos xornalistas que o esperaban ás portas do Xulgado e dixo que se presentaba "tranquilo" e con ánimo de colaborar "coa Xustiza"

"Veño a responder ao que pregunte a xuíza", precisou.

Un pouco máis tarde, a iso das cinco, chegou tamén á sede xudicial Dulce María Rodríguez, asesora da concelleira de Cultura do Concello da Coruña, que tamén foi citada para declarar pola xuíza instrutora.

Á súa chegada aos xulgados de Lugo non fixo declaracións aos xornalistas, aínda que o seu avogado dixo que se presenta co "mellor" dos ánimos.

O venres foi citado a declarar tenente de alcalde do Concello da Coruña, Julio Flores (PP).

A declaración de ambos os edís foi aprazada no seu día pola xuíza De Lara, como consecuencia do atraso no nomeamento da xuíza de reforzo para o Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo.

Precisamente, o Ministerio de Xustiza notificoulle a semana pasada ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a autorización "a efectos económicos" para que se reincorpore a citada xuíza de reforzo, que xa veu prestando servizo nesa sala durante os últimos meses como consecuencia da acumulación de traballo derivada dos casos Pokemon e Carioca.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informaron de que o Consello Xeral do Poder Xudicial tomou a decisión de prorrogar a presenza da xuíza de reforzo no Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo o pasado 7 xaneiro, pero a súa incorporación estaba pendente de que o Ministerio de Xustiza habilitase a correspondente partida orzamentaria.

A presenza desa xuíza de reforzo foi autorizada no seu momento para que a titular do Xulgado Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, seguise coa instrución de causas tan amplas e complexas como a Operación Pokemon, que investiga a existencia de varias supostas tramas en distintas administracións galegas para obter de forma fraudulenta contratos ou concesións públicas.

A xuíza de reforzo, Hortensia Bouso, tamén se fixo cargo da parte da Operación Pokemon da que foi apartada a xuíza de Lara, por mor da recusación formulada polo empresario Miguel García Gesto.

Comentarios