Non haberá mina en Xinzo e a de Corcoesto seguirá adiante se cumpre cos requisitos legais

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Executivo galego non dará a autorización para a instalación dunha mina de feldespato en Xinzo de Limia (Ourense) e advertiu de que o proxecto de mina de ouro de Corcoesto "debe cumprir todos os requisitos legais e se o fai será e se non, non será".

Núñez Feijóo respondeu deste xeito deputada de AGE Yolanda Díaz na sesión de control do Parlamento galego, na que esta acusou á Xunta "de prostituír" Galicia co modelo "bananeiro" de minas ao descuberto e ao presidente galego de ser "un lacayo" das multinacionais que "expolian e contaminan".

O xefe do Executivo autonómico destacou que a "decisión política" é apoiar a minería en Galicia "con carácter xeral, protexendo e cumprindo estritamente as leis" e insistiu en que cada proxecto "concreto" deberá cumprir "todos os requisitos legais".

"Guiámonos polas leis e as normas e non aceptaremos a mina de feldespato de Xinzo porque non cumpre as leis e as normas e interrompe 246 explotacións agrarias. Así, faremos o que temos que facer en cada proxecto", sinalou.

Con todo, Yolanda Díaz cuestionou as leis ás que aludiu o presidente galego e acusouno de querer converter Galicia na "esterqueira de Europa", xa que iso é o que representa, na súa opinión, a minería ao descuberto: "Baixos salarios, espolio de recursos naturais e man obra barata".

"Vostede malvende o noso país, fai negocio cos recursos naturais do campo, do sector primario; regala o país, quérenos converter nunha colonia, na que manden as empresas transnacionais", argumentou.

Reprochou a Núñez Feijóo que o modelo económico que defenda para Galicia sexa " o das repúblicas bananeiras, o de arrasar con todo a prezo de saldo, de nada".

"Vostede quere envenenar o noso país, iso é o que son as minas ao descuberto".

Díaz cuestionou tamén a credibilidade do presidente da Xunta porque, segundo dixo, as explotacións mineiras xeran entre 50 e 60 postos de traballo e non os 271 que apunta a promotora do proxecto en Corcoesto, polo que advertiu a Núñez Feijóo de que AGE "combaterá o seu modelo de prostitución tipo Eurovegas".

Núñez Feijóo lamentou as "acusacións constantes e continuas" da deputada de AGE e asegurou que a Xunta ten claro o que defende: "Unha Galicia onde se poida vivir, traballar, crear riqueza e na que se poida vivir de forma saudable".

Indicou a Díaz que se "a suposta venda ás multinacionais preocúpalle", o que lle pode dicir é que Galicia está aberta "a todos os proxectos que cumpran as leis, que xeren emprego, que sexan viables, sostibles e seguros".

Tamén insistiu en que a minería "non é nada novo" na comunidade e que unhas sete mil familias viven dela.

Recordou que todas as actividades están suxeitas ás leis e ás normas e pediu que se deixe traballar os "expertos", pero non aos das multinacionais, "senón aos enxeñeiros de minas e responsables da saúde pública da Xunta, empregados públicos".

"Supoño que non dubida da súa capacidade, honestidade e independencia para ditar as resolucións que se lles soliciten", concluíu.

Ademais, asegurou que se Díaz fose deputada cando se iniciou a explotación mineira nas Pontes falaría igual que agora e destacou que o buraco deixado por esa mina, de 865 hectáreas, "é o mellor lago artificial de Europa".

Comentarios