Ningunha orquestra actuará máis de tres horas agás se fai sesión vermú

O primeiro convenio do sector, que sindicatos e patronal asinaron o luns, será de aplicación a 4.500 traballadores nun sector de relevancia en Galicia
La orquesta El Combo Dominicano, durante una de sus actuaciones
photo_camera La orquesta El Combo Dominicano, durante una de sus actuaciones

"Ningunha agrupación musical actuará máis de tres horas diarias, agás que teña que realizar tamén a sesión vermú, cando a actuación terá unha duración máxima de tres e media". Así o recolle o primeiro convenio do sector, que os sindicatos e a patronal maioritaria, constituída este verán, asinaron esta semana.

O documento consta de 38 folios e establece as condicións sociais, económicas e de xornada laboral, entre outros aspectos, que deberán aplicarse a uns 4.500 traballadores do sector da verbena, de gran relevancia en Galicia, durante os próximos dous anos (2017-2018). A partir de cero —é o primeiro convenio colectivo das orquestras en toda España—, todo son novidades, pero destacan algúns puntos como a regulación dos ensaios, que ata agora non se consideraban xornada laboral e, xa que logo, non eran retribuídos aos profesionais. O texto apunta que "serán considerados ensaios as prestacións laborais destinadas a preparar a xira musical" e tamén "de preparación da actuación".

O texto precisa que, "no suposto de ter que suspender un espectáculo debido á choiva, os traballadores percibirán o que reflicte o seu contrato"



"Nunca poderán ter unha duración superior a sete horas e 45 minutos diarios, nos días laborables, aínda que cada dúas horas concederanse 15 minutos de descanso que serán computables como tempo de traballo efectivo, e unha hora e media se o horario coincide con comida ou cea, que tamén será computable, así como a comida ou a cea serán a cargo da empresa", estipula. Ademais, indica que a empresa deberá comprometerse a pór a disposición do artista "un espazo digno para o desenvolvemento do traballo". 

O convenio colectivo, que rexerá para a maior parte dos traballadores das orquestras galegas —salvo para aqueles que nos últimos meses subscribiron unha decena de convenios de empresa—, di que a compañía terá que "adoptar as medidas oportunas" para que a participación de menores de 16 anos nos espectáculos públicos "non supoña perigo para a súa saúde física nin para a súa formación profesional e humana".  Así mesmo, resalta que, "no suposto de ter que suspender un espectáculo debido á choiva, os traballadores percibirán o que reflicte o seu contrato".

Cando disten máis de 100 quilómetros entre o punto de partida e os domicilios dos traballadores, a empresa abonará aloxamento, almorzo e comida



CATRO CATEGORIAS. Clasifica aos profesionais por categoría, e no grupo 1 figuran aqueles que realizan tarefas complexas e heteroxéneas "que implican o máis alto nivel de competencia". No 2 están aqueles con "responsabilidade completa da xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa", e no 3 os que exercen labores consistentes na execución de operacións que requiren coñecementos profesionais ou aptitudes prácticas. Xa no 4 atópanse os que se encargan de operacións que precisan coñecementos profesionais ou aptitudes prácticas.

De novo sobre a xornada laboral, o convenio indica que "cando na actuación estea incluída a sesión vermú e noite, compútase como xornada laboral dous tramos". Ademais, "cando disten máis de 100 quilómetros para chegar ao momento de partida establecido pola empresa para regresar os traballadores aos seus correspondentes domicilios, a empresa abonará aloxamento, almorzo e comida e encargarase de buscar o lugar onde pasar a noite".

Cada traballador achegará o seu propio instrumento para desenvolver o seu traballo "salvo pacto en contrario" e a empresa abonaralle 5 euros por actuación



O tempo de desprazamento "terá consideración de xornada de traballo" e incluso "cando, por necesidades da actuación, o equipo tivese que trasladarse en voo transoceánico ou de moi longa distancia, entre a chegada ao destino e o comezo da seguinte xornada de traballo deberá mediar, salvo circunstancias excepcionais, un mínimo de 12 horas". Nesta liña, cando a empresa se faga cargo do aloxamento, o documento sinala que se producirá en establecementos hostaleiros que cumpran os requisitos mínimos exixibles a un hotel de tres estrelas".

VACACIÓNS E TRANSPORTE. O persoal afectado por este convenio terá dereito a unhas vacacións anuais de 35 días naturais a razón do total das retribucións deste documento, que serán gozadas en todo caso despois do 30 de outubro. "No resto de contratos, as vacacións non gozadas abonaranse na liquidación", engade.

A empresa deberá facilitar "os medios de transporte adecuados ou, na súa falta, a xestión necesaria para os desprazamentos desde o centro de traballo ata o lugar da actuación". 

Tamén a roupa de traballo "entregarase por parte da empresa no primeiro trimestre de cada ano ou a comezo de cada xira anual, a condición de que a empresa esixa un determinado tipo de vestiario". Cada traballador achegará o seu propio instrumento para desenvolver o seu traballo "salvo pacto en contrario", e a empresa terá que abonar "unha axuda de 5 euros por actuación por desgaste de instrumento salvo que a empresa lle ofreza o instrumento".

Comentarios