Novagalicia Banco só tramitará 21.200 casos máis de arbitraxe

NCG Banco iniciou a comunicación aos seus clientes da aceptación de ao redor de 21.200 novas arbitraxes sobre a venda de preferentes e subordinadas, que serán notificados antes do próximo luns. A entidade entende que con estes casos finalizará o proceso total de arbitraxes, iniciado un ano antes.

A entidade informou hoxe nun comunicado de que con esta terceira e última fase de revisión "masiva" de solicitudes concluirá o proceso aberto en xullo de 2012 coa devolución do diñeiro investido a máis de 36.200 clientes, o 65 % dos que presentaron unha solicitude de arbitraxe.

Entre os criterios para aceptar estes novos casos teranse en conta en primeiro lugar os expedientes de clientes cun investimento igual ou inferior a 10.000 euros e aqueles de titulares en situación de maior vulnerabilidade económica, aínda con cantidades investidas maiores aos 10.000 euros, precisa na nota.

NCG Banco e o IGC incrementaron nas dúas últimas semanas o número de vistas celebradas ao pasar dunha media de 78 diarias a 520, co obxectivo de lograr nos próximos días manter este ritmo durante os meses de xuño e xullo para concluír todas as arbitraxes nos primeiros días de agosto.

A entidade bancaria destaca así mesmo que recibiu máis de 50.000 consultas de clientes a través das diferentes canles (rede de oficinas, páxina web e teléfono de atención gratuíto) a disposición dos titulares de preferentes e subordinadas para informarlles sobre o proceso de troco e liquidez que se iniciará o próximo 17 de xuño.

Delas, a rede de oficinas atendeu o 80 % das demandas de información e, estes dous días, mil xestores especializados abordaron este tema cuns 40.000 clientes; e a web foi consultada por máis de 9.000 usuarios únicos, mentres que a oficina de preferentes atendeu unhas 1.500 chamadas. "A nosa prioridade é proporcionar toda a información dispoñible do proceso de troco e liquidez dos produtos híbridos da entidade, tanto de forma activa, a través da páxina web e os xestores das oficinas, como a demanda dos clientes", asegura Gabriel González Eiroa, director comercial de Novagalicia.

Comentarios