NCG Banco destina máis de 2.500 millóns de euros a pemes en 2013

Novagalicia Banco aumentou este ano nun 2 % a súa cota de mercado de crédito en Galicia, con especial incidencia en pemes, autónomos, emprendedores e empresas medianas, e entre xaneiro e xuño investiu un total de 2.651 millóns de euros en créditos novos á empresa.

Segundo informa a entidade, catro de cada dez euros concedidos polo banco a este segmento destináronse a novas operacións de investimento crediticio.

O resto, o 60 por cento deste crédito, destinouse a operacións de renovación de liñas ou a refinanciamentos para ampliar prazos ou integrar riscos, o que amplía a folgura financeira das empresas na actual contorna económica de crise.

A entidade financeira con sede en Galicia consolídase como o maior investidor crediticio galego cunha cota de crédito do 35 por cento en marzo (último dato comparable dispoñible).

Se se desconta o traspaso de activos á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reconversión Bancaria (Sareb), ou banco malo, a cota de crédito de Novagalicia en Galicia sitúase no 28,3%, un 2% máis elevada que en decembro de 2012 en datos homoxéneos.

A entidade destaca que, desde marzo, puxo en marcha ademais un plan de apoio á pequena e mediana empresa identificando máis de 20.000 empresas ás que achegar cobertura financeira.

O obxectivo do plan é reforzar o financiamento do activo circulante das pequenas empresas, achegando máis de 300 millóns de euros en novo financiamento a este capítulo.

No primeiro semestre de 2013 o banco aprobou unha media diaria de 2.500 operacións de crédito para as pemes galegas.

Da cantidade total, Novagalicia achegou 1.229 millóns de euros en liñas de desconto e de financiamento especializado (confirming e factoring), renovando riscos vixentes con empresas da Comunidade Autónoma.

O crédito destinado a apoiar a internacionalización e o comercio exterior das pemes galegas elevouse a 218 millóns de euros.

En canto ás liñas de financiamento de organismos públicos, Novagalicia concedeu un total de 534 créditos ICO por un importe de 16,9 millóns de euros.

Por sectores, o 42% do crédito destinouse a pemes relacionadas coa industria; o 27% do financiamento dirixiuse ao pequeno comercio da Comunidade e o 5% a actividades relacionadas coa agricultura, gandería e pesca galega.

Novagalicia recorda que desde o seu nacemento en 2011 concedeu crédito ao sector produtivo galego por importe de 16.798 millóns de euros.

"O crédito ás pemes e resto de empresas galegas é clave para o banco e, especialmente en tempos de crises, o refinanciamento de créditos. O crédito en Galicia, como no resto de España, está a contraerse. Neste contexto Novagalicia ten a obrigación de incrementar o seu posicionamento nas empresas galegas, ocupando o papel que nos demandan as empresas e a sociedade galega", sinala Gabriel González Eiroa, director Comercial de Novagalicia.

Comentarios