Pequena liorta no pleno polo boneco que apareceu colgado coa cara de Carmen Calvo

O BNG asegura que se trata dun meco, propio do entroido galego, e o PPdeG considérao un acto "macabro de incitación ao odio"
La muñeca, con la cara de Carmen Calvo. @GF_BRAIS
photo_camera O boneco, coa cara de Carmen Calvo. @GF_BRAIS

A polémica xerada pola aparición dun boneco coa cara da ministra primeira do Goberno, Carmen Calvo, colgado dunha árbore da Praza 8 de Marzo de Santiago coouse no debate parlamentario durante o pleno que a Cámara galega acolle este mércores, onde o PPdeG mostrou a súa condena ao que tachou de "acto violento" e que o BNG encadrou na tradición do Meco, propia do entroido galego e que consiste na satirización dunha persoa á que se castiga' polos actos do último ano. 

A pequena liorta xurdiu no marco do debate dunha proposición non de lei sobre brecha salarial entre homes e mulleres presentada polo Partido Socialista. A encargada de defender a postura do PPdeG foi a deputada Paula Prado, que iniciou a súa intervención mostrando o apoio do seu grupo a Carmen Calvo pola aparición deste boneco coa súa cara "aforcado" nunha praza compostelá, un acto que cualificou de "incitación ao odio que ninguén merece". "Non sei se os responsables foron fascistas ou colectivos 'ProQueer'", continuou Prado, que puxo o acento en que "ninguén pode apelar ao feminismo nin á loita feminista, colgando a unha muller nunha árbore". "Desde o PP condenamos este macabro acto de incitación á violencia e lamentamos que a ministra de Igualdade (Irene Montero) non o condenou", apostilou. 

A continuación, Paula Prado deslizou que "os que levaron a cabo esta acción están dentro do Goberno", en alusión ás diferenzas entre Podemos e PSOE pola coñecida como a 'Lei Trans'. 

O Bloque considera que se "criminaliza" a tradición popular

Despois de que a parlamentaria do PSOE Carmen Rodríguez Acosta agradecese o xesto do PP e xa no debate doutra proposición non de lei, a deputada do BNG Olalla Rodil tomou a palabra e aproveitou para pedir que se contextualice a aparición do boneco coa cara de Calvo, pois defendeu que se trata da tradición do meco, propia do entroido galego e, en concreto, do ourensán

"Iso chámase meco e forma parte da tradición do país", aseverou Rodil, que recordou que o pasado ano, o protagonista foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Fijjóo, "e ninguén" do PP "veu condenalo", o que provocou a resposta desde a bancada popular. "¿Non hai ninguén do seu grupo da provincia de Ourense que levante o teléfono para contextualizar o que pasou?", preguntouse Rodil antes de sentenciar que, ao seu xuízo, trasladar ao primeiro plano de debate público este tipo de feitos supón "criminalizar a tradición popular" co obxectivo de botarse "os trastes os uns e os outros á cabeza". 

Comentarios