Ata El Mundo Today se fai eco da presentación das luces de Nadal de Vigo

Abel Caballero protagoniza unha das sátiras da web: "O alcalde de Vigo promete traer o furacán máis grande do mundo á súa cidade"

A presentación da iluminación do Nadal de Vigo percorreu medio mundo e ao alcalde da cidade, Abel Caballero, xa non quedan medios por saír. A última publicación en facerse eco das súas peculiares declaracións foi El Mundo Today que, co seu ton satírico habitual, dedicoulle unha das súas noticias

"O alcalde de Vigo promete traer o furacán máis grande do mundo á súa cidade", titula a web a súa información, na que chancea coa descrición que fixo Caballero da iluminación do Nadal a semana pasada. "Canto nos van a envexar, van ser o nadal top deste planeta", subtitula o portal satírico máis popular do país.

"Imos ter refachos de vento de 250 quilómetros por hora e precipitacións de 300 litros por metro cadrado", cita a web, coma se de declaracións de Caballero tratásese. "Que saiban os alcaldes de Fukushima, de Nova Orleans, de Porto Príncipe e de Khao Lak, en Tailandia, que vai ser o non vai máis", continúa a publicación, parodiando as declaracións do alcalde nas que retaba aos rexedores de París, Berlín, Tokio e Nova York a superar a iluminación do Nadal de Vigo.

Comentarios