Multitudinaria manifestación en Santiago contra a mina de Touro

A protesta estivo secundada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, que alerta das posibles consecuencias que as verteduras poden ocasionar ao marisqueo nas Rías Baixas

Miles de persoas percorreron este domingo as rúas de Santiago de Compostela na manifestación convocada por máis dun centenar de colectivos cidadáns para instar á Xunta de Galicia a que non autorice a reapertura da mina de cobre en case 700 hectáreas das localidades coruñesas de Touro e O Pino por "contaminante" e "perigosa". 

Encabezada por unha pancarta coa lema Mina Non. Non queremos unha herdanza contaminada, portada por un grupo de nenos, a protesta arrincou na Alameda e terminou na Praza do Obradoiro. Na mobilización estiveron presentes os líderes dos principais partidos da oposición, Luís Villares (En Marea), Gonzalo Caballero (PSdeG) e Ana Pontón (BNG). 

A portavoz da Plataforma Mina Non, Obdulia Lareo, instou á Xunta a non autorizar o proxecto que impulsan as compañías Atalaia Mining e Cobre San Rafael porque "a administración ten que mirar polos veciños e non por unha empresa foránea que vai explotar un xacemento en contra da cidadanía, o Camiño de Santiago, a contorna e a forma de vida destas localidades". 

A protesta estivo secundada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, que alerta das posibles consecuencias que as verteduras da mina poden provocar no "centro neurálxico" do marisqueo galego, como é a desembocadura do Ulla nas Rías Baixas. 

Comentarios