Multan a un cura por agarrar do pescozo a un alumno nun colexio de Nigrán

Pretendía separalo dunha nena coa que se estaba pelexando, pero o xuíz considera que o medio utilizado non foi "proporcionado"
Edificio de los juzgados de Vigo
photo_camera Edificio de los juzgados de Vigo. GSW

O xulgado de Instrución número 4 de Vigo condenou a un cura, profesor de Relixión, ao pago dunha multa de 90 euros por agarrar a un menor de 9 anos do pescozo para separalo dunha alumna coa que se estaba pelexando.

O maxistrado, que considerou ao cura autor dun delito de lesións leves, tivo en conta á hora de ditar a pena a eximente incompleta de cumprimento do deber. Ademais, impúxolle ao acusado o abono de 150 euros aos pais do menor.

O xuíz considera probado que o pasado 21 de maio, cando o alumnado que asistía a catequese estaba ao seu cargo, produciuse un incidente entre o menor de 9 anos e outra estudante da mesma idade.

O profesor, para evitar que esa pelexa fose a máis, segundo consta na sentenza, "colleu ao neno cunha das súas mans do pescozo, trasladándoo logo ata secretaría, onde o menor estivo un intre, ata que logo regresou a clase de catequese".

Como consecuencia dos feitos, o neno foi asistido nun centro médico debido ás lesións que presentaba na rexión cervical dereita.

"As fotografías achegadas evidencian unha clara desproporción no agarre do menor para solucionar o conflito", subliña o xuíz, quen indica que esa desproporción se advirte "dobre", pois, por unha banda, entende que era posible actuar "doutro xeito, como agarralo da roupa ou dun brazo, ou dos ombreiros".

E, doutra banda, o maxistrado asegura que ao deixar impresos os seus dedos no pescozo "déixase ás claras que houbo unha excesiva intensidade ou forza na comprensión (innecesaria en todo caso)".

O xuíz conclúe que, sendo "loable" a intervención do sacerdote para atallar o conflito, o medio utilizado non foi proporcionado.

Comentarios