A morte dun nonaxenario en Ourense eleva a 623 os falecidos con Covid en Galicia

Era o marido da muller de 91 anos de idade que tamén feneceu pola mesma causa o pasado 8 de agosto no marco do brote detectado en Vilar de Barrio

A morte dun home de 90 anos de idade con Covid-19 na área sanitaria de Ourense eleva a 623 os falecidos en Galicia con este coronavirus e supón o cuarto na última semana. 

Segundo informou o Área Sanitaria de Ourense, o nonaxenario ingresou o pasado xoves 30 de xullo no Hospital Universitario de Ourense con diagnóstico Covid-19 pero con varias patoloxías previas asociadas. 

Este home falecido era, ademais, o marido da muller de 91 anos de idade tamén falecida con Covid o pasado 8 de agosto no marco do brote detectado cunha decena de casos na localidade ourensá de Vilar de Barrio

As mesmas fontes puntualizaron que quedan oito casos activos do brote de Vilar de Barrio, que corresponden a pacientes en situación de illamento nos seus domicilios controlados e monitorizados "en todo momento" pola Consellería de Sanidade "e con seguimento dos profesionais sanitarios do centro de saúde". 

O Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras transmitiu as súas condolencias aos familiares deste home falecido.