A morte dun home en Vigo eleva o total de vítimas do covid en Galicia a 2.650

O falecido procedía da residencia Clece Vitam Pardo Bazán
Sanitarios atienden a un paciente en la Uci de un hospital. JCCM (EUROPA PRESS)
photo_camera Sanitarios atienden a un paciente en la Uci de un hospital. JCCM (EUROPA PRESS)

Unha persoa falecida tras ser diagnosticada de covid-19 eleva a 2.650 o total de vítimas en Galicia desde o inicio da pandemia, segundo informa este luns o Servizo Galego de Saúde. O defunto é un home de 91 anos que pereceu no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), onde chegou procedente da residencia Clece Vitam Pardo Bazán, desa mesma cidade.

Tiña patoloxías previas, segundo indica o Sergas. 

Os tres óbitos previos comunicados pola Xunta datan do 21, o 17 e o 16 de outubro: un home que morreu no hospital da Mariña e dúas mulleres falecidas no Chuvi de Vigo. 

BALANCE DIARIO. A primeira semana con Galicia fóra da situación de urxencia sanitaria arrinca con subida de casos na provincia. En concreto, son seis máis que un día antes, para un total de 33, tras confirmarse sete positivos en covid-19 mediante probas de diagnóstico e prescribirse só un alta nas últimas horas.

Segundo os datos facilitados este luns polo Sergas, actualizados ata as 18.00 horas, continúan tres pacientes ingresados na Uci do Hula. Nos hospitais da Mariña e Monforte non hai persoas co virus. 

Desde o inicio da pandemia curáronse na área sanitaria lucense 19.699 pacientes e faleceron 262, aínda que o Sergas contabiliza unicamente 254 ao non sumar a algúns pacientes que morreron noutras áreas sanitarias. 

A comunidade conta cun total de 419 casos activos (catro máis que no día anterior), nunha xornada na que aumentan en 24 os novos contaxios (con todo, dez menos que o domingo) e mantéñense as hospitalizacións en 25.