Morre Xosé Represas, exalcalde de Ponteareas

Deixara o cargo hai unhas semanas por motivos de saúde
Xosé Represas.CONCELLO
photo_camera Xosé Represas.CONCELLO

O exalcalde de Ponteareas Xosé Represas (BNG) faleceu nas últimas horas, semanas despois de abandonar o cargo que ostentaba desde 2015 por motivos de saúde. 

A morte do exrexedor foi confirmada pola Deputación de Pontevedra, que expresou a través das redes sociais o seu pesar pola perda de Represas, unha dor á que tamén se sumaron outras formacións e representantes políticos como a presidenta pontevedresa, Carmela Silva, ou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero. 

Represas renunciou ao bastón de mando a finais do mes de abril por motivos de saúde após permenecer de baixa por enfermidade desde o pasado mes de decembro. 

Rexedor de Ponteareas desde o ano 2015, lideraba un goberno de coalición co grupo socialista, que, após coñecerse a súa perda, emitiu un comunicado para enxalzar o carácter dialogante e o legado de Represas. 

Desde a súa saída do concello, a Alcaldía de Ponteareas ocúpaa a tamén nacionalista Cristina Fernández Davila, tenente de alcalde con Represas e a súa substituta, primeiro en funcións e, desde finais de abril, para todos os efectos após a renuncia do exalcalde. 

Comentarios