A Consellería de Sanidade notificou este mércores o falecemento dunha muller de 91 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) que se infectou en decembro na Residencia A Carballa de Coles.
No último parte de decembro facilitado en decembro pola consellería, o día 22, permanecían activos dous casos positivos vinculados a esta residencia. O pasado 3 de xaneiro, Sanidade notificou o falecemento doutra nonaxenaria, de 93 anos, desta residencia, na que actualmente non hai contaxios rexistrados.
Ademais, a Consellería de Sanidade notificou este mércores outros dous óbitos, o dunha muller de 95 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e o dun home de 88 anos, tamén no complexo ourensán.
A Xunta informa, así mesmo, de que todos os falecidos rexistrados nas últimas horas tiñan patoloxías previas coñecidas.
Desde a declaración da pandemia, Galicia rexistrou un total de 2.832 falecidos vinculados coa infección por SARS-Cov-2.