Morre Jesús Alonso, fundador do grupo conserveiro Jealsa

O empresario, que foi tamén alcalde de Boiro durante dous mandatos, tiña 92 anos
Jesús Alonso, fundador de Jealsa. ARCHIVO
photo_camera Jesús Alonso, fundador de Jealsa. ARCHIVO

O fundador do grupo conserveiro Jealsa (Rianxeira e Escurís) e exalcalde de Boiro, Jesús Alonso Fernández, faleceu na tarde deste venres aos 92 anos. Iniciouse nos negocios en 1954 coa téxtil Jealfer —acrónimo de Jesús Alonso Fernández—, que na actualidade leva a súa filla, Puri Alonso. Posteriormente, en 1958, fundou Jealsa con sede central en Boiro, dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixes e mariscos. Desde 2015, é o seu fillo, Jesús Alonso Escurís, quen leva a compañía. 

Jealsa é a sociedade anónima que se atopa detrás de recoñecidas marcas como Rianxeira e Escurís, entre outras. Nos últimos anos, o grupo estendeu os seus negocios por América e diversificou a súa actividade ata abarcar 23 sociedades agrupadas nos sectores da alimentación, de pesca e servizos, da enerxía e da economía circular. 

O empresario tamén se dedicou á política, posto que, da man do Partido Popular, foi alcalde da súa localidade natal durante dous mandatos, entre 1995 e 2003. 

Un dos grandes emprendedores de Galicia

O Concello de Boiro declarou tres días de loito oficial polo falecemento do histórico empresario. Así, os edificios públicos municipais ondearán a media hasta "en sinal de respecto e condolencia". "O máis sentido pésame á familia da Corporación Local e de todo o persoal municipal. DPE", engade o Concello a través das súas redes sociais. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou o seu falecemento a través da súa conta de Twitter, na que o definiu como "un dos grandes emprendedores de Galicia", así como "un boirense apaixonado da súa vila natal", recordando a súa etapa como rexedor. "Jesús Alonso vaise, pero o seu legado queda para sempre. Todo o meu agarimo á súa familia e seres queridos. DEP", expresa Roda na súa tuit. 

Comentarios