jueves. 02.07.2020 |
El tiempo
jueves. 02.07.2020
El tiempo

Morre con coronavirus o exconselleiro Dositeo Rodríguez aos 84 anos

Dositeo Rodríguez. ARQUIVO
Dositeo Rodríguez. ARQUIVO
Nacido en Ribas de Sil, ocupou varios cargos durante os gobernos de Fraga

O exconselleiro da Xunta e exmandatario do Partido Popular Dositeo Rodríguez faleceu este venres no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde permanecía ingresado con coronavirus desde mediados desta semana. 

A morte do conselleiro de Presidencia da Xunta entre 1990 e 1999 eleva a 46 as vítimas mortais con covid-19 na comunidade galega e supón a terceira deste venres. 

Rodríguez, nacido no municipio lucense de Ribas de Sil en 1935, ingresou a medidados desta semana no CHUS, onde deu positivo por coronavirus. 

Licenciado en Dereito e profesor mercantil, desempeñou varios cargos na administración ata que deu o paso á política, onde ocupou a Consellería de Presidencia entre 1990 e 1999 durante varios gobernos do presidente galego Manuel Fraga. 

Foi deputado autonómico durante seis anos e optou en varias ocasións á Alcaldía de Santiago de Compostela polo PP, formación da que foi portavoz municipal ata 2006, período no que, ademais, tamén exerceu de vicepresidente da Deputación da Coruña (entre 2003 e 2006). 

Ademais, foi membro do Consello de Contas e do Padroado da Fundación Camilo José Cela. A comezos deste ano 2020, Dositeo Rodríguez foi absolto xunto coa viúva do Premio Nobel, Marina Castaño, dun delito de malversación de fondos pola xestión da fundación en honra ao escritor nacido en Iria Flavia (A Coruña). 

Tras coñecerse a súa morte, o presidente galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, publicou unha mensaxe na súa conta de Twitter no que expresa o seu pesar pola perda de Dositeo Rodríguez.  "Sinto moito o falecemento de Dositeo Rodríguez. Un servidor público con maiúsculas, unha boa persoa e un bo amigo. Todo o noso agarimo para a súa familia. Que tristeza todo isto. Descanse en paz", di o 'tuit' de Feijóo. 

Morre con coronavirus o exconselleiro Dositeo Rodríguez aos 84 anos
comentarios