Morre un triatleta afeccionado nun choque contra un camión en Bergondo

Tiña 52 anos e era bombeiro en Arteixo
photo_camera A curva na que se produciu o accidente coa imaxe de Pedro Alonso sobreimpresionada. GOOGLE MAPS

Pedro Manuel Alonso Prado, triatleta afeccionado de 52 anos, faleceu este mércores en Bergondo ao chocar contra un camión. A vítima, que traballaba como bombeiro en Arteixo e residía en Oleiros, circulaba xunto a outros ciclistas. Era natural da localidade asturiana de Vegadeo aínda que se criou en A Coruña.

O accidente produciuse sobre as 15.30 horas no lugar de San Paio, na parroquia de Guísamo, nunha curva pechada e estreita da estrada que une Bergondo co encoro de Cecebre.

Desde o 112 informaron de que o ciclista morreu tras ser golpeado polo camión. Ao lugar, acudiron efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que non puideron facer nada para salvarlle a vida. 

Á zona onde tivo lugar o sinistro trasladáronse tamén efectivos da Garda Civil, da Policía Local e dos Bombeiros de Betanzos. 

A tráxica noticia causou fondo pesar nos colectivos profesionais aos que estivo vinculado. Ademais de bombeiro en Arteixo, Pedro Alonso fora socorrista e voluntario de Protección Civil da Coruña.