"Moitos non entenderon a nosa xenerosidade ao incorporarnos a En Marea"

O cofundador de Podemos deixou ao seu paso por Galicia unhas duras declaracións para o que un día foi un proxecto irmán
Juan Carlos Monedero junto a Carmen Santos
photo_camera Juan Carlos Monedero junto a Carmen Santos

O cofundador de Podemos, Juan Carlos Monedero, afirmou este sábado que "hai moita xente que non entendeu a nosa xenerosidade nun momento determinado á hora de incorporarnos ao proceso de En Marea".

Momentos antes de participar esta tarde en Pontevedra no encontro 'Sumando xente', Monedero dixo en declaracións aos medios que a integración en En marea para concorrer ás últimas eleccións autonómicas foi "un proceso que se tiña que facer doutro xeito, pero fixémolo por un sinal claro de xenerosidade, porque cremos na pluralidade".


"O obxectivo común é botar ao Partido Popular das institucións", aseverou Carmen Santos


"Cremos absolutamente, de xeito claro, que no século XXI as formacións políticas van ser plurais, pero dentro desa pluralidade Podemos Galicia vai existir. Necesitamos en Galicia e no conxunto do Estado que exista Podemos Galicia", indicou.

Monedero considerou que "Podemos en Galicia é unha forza política necesaria" e que "nun momento dado, circunstancialmente, houbo que acudir a unha formación política como En Marea pero entendemos o reto que reclama tamén Galicia, a necesidade de autogoberno en Galicia". "Hai moita xente, moitos militantes, moitos inscritos e inscritas que reclaman que Podemos Galicia teña unha entidade propia", subliñou.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, dixo que "En Marea, cando emerxeu, tiña un espírito moi semellante, por iso consideramos que é un proxecto irmán, un proxecto aliado, e vén ser exactamente o mesmo".

"É distinto —puntualizou— que participásemos na construción dun partido que sería un pouco o hexemónico de todo o espazo de cambio en Galicia; que nós non compartimos porque consideramos que Podemos é un partido autónomo que ten unha militancia e uns inscritos que demostraron desde xa hai un ano e medio unha vontade clara de querer un proxecto autónomo, diferenciado, pero con alianzas con outros proxectos que buscasen o mesmo".

"O obxectivo común é botar ao Partido Popular das institucións e iso segue no mesmo punto que antes, exactamente", aseverou Carmen Santos.

Comentarios