Miles de persoas presencian na praia de Samil o IX Festival Aéreo de Vigo

Miles de persoas, 400.000 segundo datos da Policía Local, presenciaron, desde a praia de Samil e areais contiguos, as acrobacias dos pilotos participantes na novena edición do Festival Aéreo de Vigo.

Un dos momentos máis esperados, das máis de dúas horas que durou a exhibición aérea, foi a actuación de Diana Gomes, de Portugal, que finalmente non defraudou á expectación orixinada.

A piloto portuguesa, unha das máis novas do mundo que se dedica á acrobacia aérea, deixou patente o seu control e dominio nunha intervención que deleitou ao público con numerosos exercicios aos mandos da súa aeronave.

A crise deixouse notar nesta edición do Festival Aéreo, xa que a Patrulla Águila, o grupo de voo acrobático do Exército do Aire Español, creado en 1985 e con base en San Javier (Murcia), non estivo presente nesta ocasión e no seu lugar participou un caza F-16 da Forza Aérea de Holanda.

Moi vistosa foi tamén a intervención da patrulla ASPA, o grupo de helicópteros de voo acrobático do Exército do Aire Español, con sede na base aérea de Armilla, en Granada, e que nesta ocasión incorporaron unha serie de acrobacias acompañadas de fume.Tres pilotos vigueses foron os encargados de pór o acento local nesta edición, en recordo do voo que hai un século realizou sobre a cidade o francés Jules Vedrin.

A exhibición pechouna a Patrulla Acrobática de Paracaidismo do Exército do Aire (PAPEA), cuxos integrantes, dos que a metade eran mulleres, ascenderon ata os 2.500 metros de altitude para efectuar os lanzamentos.

Comentarios