A metade dos galegos respirou aire contaminado en 2019

Industrias como Alcoa ou Finsa e as centrais de carbón rexistran a maior concentración de partículas nocivas 
Meirama, en Cerceda. ARCHIVO
photo_camera Meirama, en Cerceda. ARQUIVO

Un total de 1,3 millóns de galegos —a metade da poboación—, respirou aire contaminado en 2019, segundo o informe anual de Ecologistas en Acción feito público este martes. Deste xeito, a metade da poboación en Galicia estivo exposta a uns niveis de contaminación que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), segundo os datos recollidos en estacións da Xunta, Estado, concellos e distintas industrias. 

Un estudo do Instituto de Saúde Carlos III recolle que 10.000 persoas morren ao ano en España pola contaminación, 150 delas en Galicia. 

A contaminación atmosférica mantívose en conxunto estable en Galicia, cunha redución xeral dos niveis de dióxido de nitróxeno, pero con ascenso de dúas partículas (PM10 e PM2,5), mentres as concentracións de ozono troposférico (O3) diminuíron de forma notable.

INDUSTRIAS. A contaminación do aire en Galicia ten como fontes principais o tráfico de vehículos e marítimo; as centrais de gas e carbón; e as grandes industrias de metalurxia, siderurxia, madeira e cemento, ademais da refinería de petróleo. En concreto, na contorna das fábricas de Alcoa San Cibrao, Megasa (Narón), Finsa (Santiago) e a central de carbón de Meirama rexistráronse valores superiores das partículas PM2,5 recomendado pola OMS. 

Tanto Alcoa como a refinería de Repsol da Coruña superaron tamén os de XO2, aínda que o máximo alcanzouse na cementeira Cosmos de Oural. Pola súa banda, a contorna da central de carbón das Pontes de Endesa superou o valor recomendado de O3.

Ecoloxistas en Acción tamén chama a atención sobre o benzopireno, "un contaminante que suscita unha inquietude crecente", que se atopa na zona da Grela, na Coruña, pola antiga fábrica de Alcoa —Alu Ibérica—, aínda que os seus valores diminuíron en 2019 debido á baixada de produción, así como na contorna de Ence e Ferroatlántica.

Comentarios