A Mesa maniféstase na Toxa contra a "barbarización" do Foro La Toja

A organización ameaza con acudir "a calquera tipo de institución e ao xulgado" para facer cumprir a lei de normalización lingüística 
Manifestación en A Toxa. A MESA
photo_camera Manifestación en A Toxa. A MESA

A Mesa pola Normalización Lingüística manifestouse este sábado na Illa da Toxa, no Grove, para defender o topónimo oficial da illa fronte "á barbarización" que supón a denominación do Foro La Toja, celebrado entre os pasados 29 de setembro e 1 de outubro. 

En declaracións aos medios, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, denunciou que o título deste evento leva "un incumprimento" da lei de normalización lingüística por parte de todas as autoridades alí presentes, entre elas o rei Felipe VI, o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e o da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

"Son tres cargos que teñen a obrigación de cumprir e facer cumprir as escasas leis que defenden e amparan o uso do galego", denunciou, para posteriormente advertir que non descartan acudir aos xulgados "para defender que o pobo galego é a única autoridade que pode denominar os nomes dos seus lugares". 

Maceira, ante as decenas de asistentes á mobilización, fixo referencia ás palabras do monarca –"Non é posible a democracia por enriba da lei"– para afearlle que "si parece que a democracia é posible se é por enriba da lei de normalización lingüística e da oficialidade da lingua galega". 

Para A Mesa, "as deturpacións dos topónimos pretenden borrar A Toxa e os nomes de todos os lugares que se denominan en galego porque son lugares galegos": "Para borrar a historia de Galicia e a nosa existencia como pobo que ten lingua e cultura". 

"Na Mesa pola Normalización Lingüística non permitiremos que se continúe deturpando e barbarizando os nomes que o galegos e galegas lles damos aos espazos que habitamos", insistiu. 

Neste contexto, Maceira ameazou con acudir "a calquera tipo de institución e ao xulgado se fai falta, como xa fixemos no seu momento co topónimo da cidade de A Coruña", en defensa da lei de normalización.