A Mesa insta á Xunta e ao Estado a dialogar sobre o galego e a acatar as recomendacións do Consello de Europa

A organización lembra que o informe europeo alerta da gravidade da situación na educación
O presidente da Mesa pola normalización lingüística, Marcos Maceira. AEP
photo_camera O presidente da Mesa pola normalización lingüística, Marcos Maceira. AEP

A Mesa pola normalización lingüística instou á Xunta e ao Estado a dialogar sobre o galego e a acatar as recomendacións de obrigado cumprimento do Consello de Europa, que alertou esta semana de que o número de menores de 15 anos que non saben falar este idioma podería aumentar.

Nun comunicado remitido aos medios, A Mesa explica que, no seu último informe de avaliación sobre a Carta Europea das Linguas, o comité e expertos "constata de novo os incumprimentos respecto ao galego" e insta a informar as accións tomadas para cumprir o tratado antes do 1 de agosto de 2023.

A Mesa lembra que o informe alerta da gravidade da situación na educación e indica que, segundo o compromiso do Estado e da Xunta, a educación debe ter o galego "como lingua de instrución".

Ademais, apunta que "o marco legal actual é contrario aos compromisos do Estado español", polo que "non todas as limitacións á educación en galego foron eliminadas".

Con respecto á xustiza, A Mesa apunta que o Consello de Europa insiste na necesidade de asegurar o uso do galego nos procesos xudiciais a petición dunha das partes, a través da reforma da Lei orgánica do Poder Xudicial.

Ademais, conforme indicou a asociación, insta a incluír a protección do galego nos estatutos de Asturias, Castela e León e Estremadura nos territorios destas comunidades nos que se fala.

"PRESIÓNS" DE GOBERNO E XUNTA. A Mesa pola Normalización lembrou que denunciou o pasado mes de febreiro a "manipulación" dos datos ofrecidos polo Estado ao comité de expertos para esta avaliación, que foron "contestados" pola asociación a petición do consello.

"O informe documentado e detallado presentado pola Mesa foi tido amplamente en conta polo comité de expertos, que non cedeu á presión do Goberno español e da Xunta", subliñou a asociación, que insiste en que a Administración autonómica debe "sentar, falar e chegar a un acordo sobre o galego na educación".

Neste punto, lembra que elaborou, xunto a outras entidades, sindicatos e movementos de renovación pedagóxica, unha proposta de bases para a normalización na educación, a única proposta existente neste momento que cumpre coas esixencias do Consello de Europa

Comentarios