Os alcaldes de Xinzo de Limia e Cualedro cualifican de "barbaridade" e de "terrible" o suceso

O lume xa está estabilizado en Cualedro, onde arderon polo menos 3.000 ha.

Poucos focos permanecen aínda con ''chamas activas'' e a ausencia de ameaza aos núcleos habitados permitiu desactivar a alerta de nivel 2 decretada o domingo ► O alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, pide que se poña fin a este "terrorismo ecolóxico" ► Outro gran incendio en Viana segue activo

A Consellería de Medio Rural elevou a 3.000 hectáreas, segundo as estimacións provisionais, a superficie queimada no incendio forestal iniciado o domingo ao mediodía en Cualedro, en Ourense, e que, aínda que xa estabilizado -desde o mediodía deste luns- afectou ademais aos municipios veciños de Baltar, Trasmiras e Xinzo de Limia.

Segundo publica o departamento autonómico na súa conta nas redes sociais sobre os incendios forestais, as últimas medicións dos técnicos sitúan en 3.000 hectáreas a superficie ardida no incendio que comezou na parroquia de Lucenza, en Cualedro.

Con todo, a situación "empeza a mellorar", como sinalou esta xornada a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, que dixo que "quedan moi poucas zonas con chamas activas". Pasado o mediodía do luns, comunicaron oficialmente que se daba por estabilizado.

Esta mellora permitiu desactivar a situación 2, medida adoptada o domingo desde primeira hora da tarde ante o perigo de que as chamas puidesen alcanzar a núcleos habitados ou vivendas, e que agora xa non existe.

Con todo, advertiu Rosa Quintana, a zona está "aínda moi quente", polo que "todos os medios terrestres" están a exercer labores de arrefriado e "revisando todos os perímetros".

MEDIOS PARA A EXTINCIÓN. Na extinción do lume traballan 1 técnico, 18 axentes forestais, 47 brigadas, 26 motobombas, 6 pas, 7 helicópteros e 9 avións. Tamén participan militares da BIEM V, pertencentes á Unidade Militar de Urxencias (UME), que desprazou a Cualedro a 292 persoas con 71 vehículos e 7 medios aéreos, segundo informa nunha nota.

Estas unidades participaron na defensa das localidades de Novás, Seoane de Oleiros, Serrelleira e Vilar de Lebres, e tamén colaboraron na extinción dunha fronte na estrada OU-1108, entre Cualedro e Gudín, así como na realización de devasa, en Seoane de Oleiras e Serralleira.

VIANA DO BOLO. No resto da provincia de Ourense, onde outros cinco lumes queimaran no seu conxunto outras 700 hectáreas durante o fin de semana, xa só quedaban o luns dous superiores a 20 hectáreas, en Viana do Bolo e en Manzaneda, ambos os controlados.

O incendio de Viana, na parroquia de Pradocabalos, queimou 198 hectáreas e o incendio de Manzaneda arrasou 250 hectáreas en Rede Natura. Este último foi dado prol extinguido a última hora de onte, ao redor das 21.00 horas.

Extinguidos tamén se declararon pouco antes esa mesma tarde os incendios de Viana do Bolo, tras queimar 72 hectáreas e da parroquia de Cudeiro, no termo municipal de Ourense, tras queimar 55 hectáreas.

Comentarios