Mexilloeiros galegos queren levar a Francia aos tribunais

Os produtores de mexillón galego emprenderán accións contra Francia por decretar a alerta sanitaria sen "mirar os datos". De feito, sosteñen que o país galo utiliza estas alertas como "unha guerra comercial", como "unha medida" para frear a "importación" de mexillón.

De todos os xeitos, o presidente da asociación de mexilloeiros Virxe do Rosario de Vilaxoán, Pontevedra, Javier Blanco, asegurou, en declaracións que recolle a axencia Europa Press en informacións do seu portal web, que a Mesa do Mexillón -integrada por seis produtores que producen o 90 por cento do mexillón nas bateas galegas- esperará a reunirse este martes coa Consellería do Medio Rural e do Mar para ver cal é a postura desta e "emprender as accións" que consideren "oportunas".

Estas declaracións prodúcense tras ser decretada esta semana a alerta sanitaria en Francia debido á posibilidade de que mexillóns galegos estivesen implicados nun caso de toxicidade detectado no país. Sobre esta alerta, Blanco declarou estar "cansado" desta situación. "Non lle pasamos ningunha máis", avisou Blanco en relación ao país galo. E é que argumentou que, antes de decretar a alerta sanitaria, é preciso "mirar os datos". Por iso, indicou que a Mesa do Mexillón reclama coñecer quen comercializou o mexillón que ocasionou a alerta e de onde procedía.

Aínda así, avanzou que o mexillón que causou a alerta sanitaria non procede das bateas galegas, pois sostén que, actualmente, o mexillón atópase nunhas "condicións óptimas". Neste sentido, asegurou que, a pesar de que varios polígonos se atopen pechados, os que están abertos producen mexillón en condicións "óptimas". "Levamos 50 anos convivindo coa toxina", precisou Blanco en relación ao peche de polígonos, xusto antes de remarcar que Galicia conta co "mellor sistema de control que hai". Así, sostén que os produtores de mexillón reciben os avisos tanto de peche como de apertura de polígonos no seu móbil, ademais de destacar os informes que elabora o Intecmar.

Comentarios