domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

Medios de extinción loitan contra un incendio na Mezquita

A provincia de Ourense volveu ser este venres a máis afectada os incendios forestais. As altas temperaturas rexistradas ao longo do día e a ausencia de choivas durante esta última semana provocaron que Ourense fose a provincia máis afectada polos incendios forestais. Segundo indicou a Consellería de Medio Rural, ao longo do día rexistráronse ''bastantes'' incendios na comunidade, aínda que ''foron focos pequenos, ningún de máis de 20 hectáreas''.

Varios medios do servizo público de extinción de incendios traballan para extinguir un lume que se declarou no concello ourensán da Mezquita este venres pola tarde. Segundo os datos provisionais achegados pola Consellería de Medio Rural, a superficie afectada ascende a 5 hectáreas.

O incendio comezou sobre as 15.45 horas na parroquia de Pereiro e deuse por controlado ás 18.20. Medio Rural confirmou que non está totalmente sufocado, polo que parte dos medios que acudiron á zona permaneceron máis tempo no lugar para vixiar que non se reaviven as chamas e arrefriando o perímetro. Nas tarefas de extinción participaron un técnico, tres axentes, oito brigadas, tres motobombas, un hidroavión, tres helicópteros, un vehículo bulldozer e un tractor cisterna.

Outros focos
Tamén no municipio ourensán de San Cibrao das Viñas, arderon 3,5 hectáreas de raso. O incendio declarouse na aldea de Santa Cruz de Rabeda, sobre as 17.35 horas. Quedou extinguido ás 20.00 horas, confirmou o departamento da Xunta. Acudiron dous axentes, sete brigadas, catro motobombas, un helicóptero de coordinación e outros dous de extinción, un hidroavión e tres avións de carga en terra.

En territorio ourensán tamén houbo lumes en Verín, Coles, Celanova (tres conatos), Trasmiras, Nogueira de Ramuín e A Bola. Ademais, en Rodeiro (Pontevedra) arderon 1,6 hectáreas e en Carballo 2,2. Nas localidades de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Porto do Son (A Coruña) declaráronse conatos --lumes de menos dunha hectárea--.

Medios de extinción loitan contra un incendio na Mezquita
comentarios