Fariña: "Nunca sabes se che vai pasar algo así"

Sergio Fariña, o pontevedrés residente en Londres que evitou que un dos terroristas accedese ao seu local bloqueando a porta tras dar resgardo no seu interior a varios cidadáns, conta a súa experiencia

Sergio Fariña leva 16 anos vivindo en Londres e está casado cunha moza turca desde hai uns meses. Non ten fillos. Confesa que situacións como esta lle fan ser consciente do perigo, pero que as medidas de seguridade son moi elevadas.

"Londres sempre estivo en alerta, pero logo dos atentados de París hai moita máis vixilancia da Policía nas rúas, ven máis axentes paseando cans, que será o que toca agora, no canto de ir tan armado".

De feito, subliña, na noite do sábado "a Policía actuou rapidísimo. En tres minutos os terroristas estaban rodeados de efectivos preparados para isto. Tomaron medidas moi rapidamente". Fariña explica que "cando acoitelan a unha persoa diante do meu local é cando os policías abren fogo. Non o fixeron antes porque viron que levaban o que parecía dinamita e que saltariamos todos polo aire. É cando apuñalan a unha persoa que lles fixo fronte na rúa cando os abaten directamente".

ELEVADA SEGURIDADE. A pesar da cifra de mortos e feridos, o resultado puido ser moito máis tráxico, xa que "se chega a ser á unha do mediodía podería haber unhas 3.000 persoas no mercado, tranquilamente. Era unha noite calorosa, as terrazas estaban cheas, pero só estaban abertos os restaurantes. De día sería unha masacre".

Aínda así, o pontevedrés está "tranquilo", porque "nunca sabes se te vai a pasar unha cousa así. Certo que hai tres ou catro minutos nos que pasas medo, pero o resto do tempo estás protexido".

Unha vez que a Policía abateu aos terroristas abríronse as portas do local e todos foron evacuados. "Andamos polas rúas. Vas mirando a todo o mundo e pensas e se vai algún tolo polo medio...? Sales do local e non hai transporte. Nin taxis, nin autobuses... Camiñei por onde nos mandaron, pero me enviaban cara ao Sur da cidade e eu vivo no Norte. Atopei un autobús que me levaba case á beira de casa. E subinme pensando espero que non pase nada".

EN CALQUERA SITIO. A súa familia decatouse puntualmente do ocorrido. A primeira foi a súa esposa. "Chameina a casa, cando aínda estabamos encerrados no restaurante, avisándoa de que non se achegase alí. Cando vin que empezaban a saír as noticias chamei á miña irmá, sobre as doce da noite en España, para dicirlle que estabamos encerrados no local, pero seguros. Tiña medo de que cortasen as comunicacións e non puidésemos falar co exterior".

Sergio é consciente de que a súa familia sofre por el. "Non cho din pero o deixan caer... Casei en agosto en Istambul e toda a familia veu á voda. Que me van a dicir que non me dixeron xa!". Aínda así, está convencido de que estas cousas che poden pasar en calquera sitio. Nun partido de fútbol, nun concerto... Nunca o sabes. Hoxe -polo domingo- o local está pechado, mañá e pasado tamén, pero haberá que volver á vida normal. Non cres que che poida pasar tan cerca, pero así é".

Comentarios