Medio Rural dá por controlado o incendio de Cotobade

A Consellería de Medio Rural deu por controlado na tarde deste venres o incendio rexistrado no municipio pontevedrés de Cotobade, que se iniciou a primeiras horas da de onte.

O lume produciuse na parroquia de Viascón e, segundo a primeira estimación provisional, afectou a unhas 170 hectáreas, das que 68 eran arboredos.

Na súa extinción traballan 2 técnicos, 10 axentes, 21 brigadas, 7 motobombas, 3 pas, 11 helicópteros e 9 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Urxencias (UME).

Aínda que non se produciron danos persoais, si se rexistrou unha incidencia ao envorcar unha das pas que realizaba labores de roza e, ao quedar inoperativa, houbo de ser substituída.

EXTINGUIDO NA BAÑA
O incendio forestal rexistrado no municipio coruñés da Baña quedou extinguido ás 12.46 horas deste venres. A superficie afectada rolda as 62 hectáreas, das cales 57 son de arboledo, segundo indicou a Consellería de Medio Rural.

Nos labores de extinción participaron un técnico, 10 axentes forestais, cinco brigadas, un grumir, catro motobombas, unha pa, unha cuadrilla de acción rápida, cinco helicópteros e tres avións.

Comentarios