Medio Ambiente considera ''inviable'' a explotación de feldespatos

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, considerou "inviable" a explotación mineira de feldespatos no municipio de Xinzo de Limia, pola súa incompatibilidade coas actividades agrícolas e gandeiras da zona.

Durante unha visita a Lobios para a inauguración dunha estación de medición climática, Hernández explicou, en relación a este proxecto mineiro, que, segundo as súas últimas informacións, "queda claro que esa explotación mineira non vai ser viable, xa que afecta as explotacións agrogandeiras".

O titular de Medio Ambiente recordou que a Consellería de Economía e Industria "solicitou un informe á Consellería de Medio Rural e do Mar a respecto da compatibilidade do aproveitamento mineiro coas explotacións agrogandeiras" e é de acordo a ese informe polo que conclúe que non é viable a materialización do proxecto mineiro en Xinzo.

Ademais, por parte do seu departamento sinalouse que o proxecto ten que someterse á avaliación de impacto ambiental.

Hernández reiterou que queda patente que "existe unha interferencia que fai inviable a explotación mineira, posto que incide nos regadíos e aproveitamentos agrogandeiros".

Comentarios