Medidas ineficaces

A Coroa segue a ser un tabú no noso país e medidas como a acontecida co secuestro xudicial de El Jueves veñen demostrar que hai unha forma mal entendida de intentar protexer algunhas institucións.

Nun Estado que se enfronta a debates sobre a súa definición, a súa composición..., cousas ben importantes, resulta  burdo pensar que se pode defender algo censurando opinións e expresións sobre, como é este caso, a Familia Real.

Vivimos rodeados duns medios que, entre outras cousas, nos bombardean con contidos dubidosos e en moitos casos directamente pornográficos. E por iso non nos escandalizamos. ¿Por que o facemos cun debuxo?

Vicente Risco, que para moitos era un reaccionario, xa dicía que “no Entroido non hai nada sagrado”, na caricatura pasa o mesmo. Para Risco na dita festa podía saír o Papa como un meco que non pasaba nada, pois no humor gráfico acontece, ou debería acontecer, o mesmo.
Ademais, este tipo de decisións son contraproducentes porque os que non simpatizaban coa monarquía van ter un motivo máis para aumentar o seu rexeitamento.

Comentarios