Médicos de primaria de toda Galicia deciden convocar folga para o día 19

Reclaman melloras laborais, máis persoal, financiamento e capacidade de decisión

La convocatoria se centró en la Atención Primaria. PIXABAY
photo_camera A convocatoria toca a médicos de atención primaria. PIXABAY

A Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia acordou este mércores por unanimidade convocar folga no servizo de atención primaria da comunidade para o día 19 de xuño. Así o decidiron representantes de todas as áreas que se desprazaron á capital galega para manter un novo encontro e votar se finalmente se aceptaba a convocatoria dun paro no servizo, perfilado desde hai semanas

Segundo trasladou a Europa Press Alicia Colmeiro, unha da participantes da área sanitaria de Santiago, a decisión tomouse por unanimidade, dado que todos os presentes votaron en urna afirmativamente á convocatoria de folga. A este paro, que se celebrará en todas as áreas, sumáronse o colectivo Precarias e os traballadores da PAC, que tamén incluíron as súas reivindicacións. Este mércores constituíuse tamén o comité de folga.

As reivindicacións desta folga xa foron esbozadas nunha asemblea celebrada tamén en Santiago o luns, un texto articulado en cinco puntos no que os traballadores reclaman melloras laborais, máis persoal, máis financiamento e un incremento na súa capacidade de decisión. O documento, que tamén foi ratificado este mércores, inclúe entre as reclamacións o incremento progresivo do orzamento ata o 25% para atención primaria e a recuperación das estruturas de xestión deste nivel asistencial nun prazo máximo de 12 meses. 

Ademais, os facultativos solicitan que se habilite "de forma inmediata" a derivación e a consulta telemática con outros servizos desde a atención primaria, así como a "igualdade de acceso" a probas diagnósticas. A maiores, tamén teñen peticións de índole laboral, como que sexan convocadas nunha oferta pública de emprego todas as vacantes actuais e previstas no servizo e que se teña en conta a calidade asistencial para redimensionar os cupos e o persoal. 

Finalmente, adscríbense ás reclamacións dos puntos de atención continuada e piden un cambio no contrato eventual de continuidade que dea estabilidade e non "fomente a precariedade". 

Comentarios