Mato reafírmase nos datos de axudas do bipartito a cursos de formación

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, reafirmouse nos datos que facilitara sobre axudas do bipartito (PSdeG-BNG) a cursos de formación, que foron posteriormente cuestionados pola socialista Pilar Cancela.

En entrevista a Radio Nacional, a responsable de Traballo insistiu: "As cifras son as que dei eu, outra cousa é que ela non queira contar o que deron eles no período que estaban en funcións".

Na súa explicación do proceso de concesión de axudas, sinalou que había unha "terceira liña" de subvencións, denominada programas integrados de emprego, onde "o único control que había era de papeis e onde, evidentemente, non se facía ningunha visita in situ". "Se se fixesen antes estas visitas in situ -considerou-, probablemente igual non estariamos a falar da Operación Zeta, porque foi grazas a que se fixeron esas visitas in situ, as que fixemos nós, que podemos enviar estas irregularidades á Fiscalía e que a Fiscalía lle de traslado a unha investigación, que hoxe en día é da que estamos a falar".

Preguntada pola afirmación de Gerardo Crespo de que o chamado "conseguidor" da trama era amigo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Mato sinalou que, "logo de analizar o contido do sumario, as distintas conversacións que hai, home.., credibilidade, credibilidade, eu non lle dou moita".

A conselleira defendeu que hai que esperar "ás investigacións totalmente rematadas e a opinión da xuíza".

Sobre a negativa a constituír unha comisión de investigación no Parlamento sobre este caso, opinou que non é "preciso" nin "oportuno", cando "hai un proceso xudicial aberto", pois "interfere nas investigacións, que aínda non están rematadas".

En canto á necesidade de dar explicacións, resaltou que foi "bastante clara e contundente, non nunha ocasión, senón xa en varias, no Parlamento, explicando cales son os mecanismos de control que existen desde a Consellería de Traballo sobre as ordes de subvención e como se fixeron todos eles e como completamos o circuíto e pechamos o círculo destes mecanismos de control, que foi este Goberno quen o fixo". "Creo que as explicacións están dadas, outra cousa é que lles vallan (á oposición), pero as explicacións están dadas", sentenciou.

Respecto das acusacións da oposición de ''usar o ventilador", tras a resposta de Cancela, que reclama desculpas, Beatriz Mato explicou que "o que non pode facer ninguén, e moito menos cando deixa un Goberno, é ter lapsus de memoria e esquecerse e crer que mentres estivo no Goberno non fixo nada". "As investigacións -insistiu- non se dirixen só ás subvencións destes anos, senón desde 2008, e ata marzo de 2009 gobernaba o bipartito, no que ela era directora xeneral e, polo tanto, tiña responsabilidades na área de emprego", concluíu.

Comentarios