Masiva protesta contra a incineradora do Irixo

O Carballiño viviu este mediodía unha manifestación masiva para protestar contra a futura instalación dunha planta incineradora de residuos do sur de Galicia no Irixo.

Convocados polas diferentes plataformas veciñais contra a incineración, máis de catro mil, segundo a Policía Local e unhas sete mil, segundo a organización, participaron nesta xornada lúdica de protesta contra localización no Irixo desta prata incineradora.

A mobilización, segunda que acolle a comarca, contou coa presenza do alcalde e presidente do grupo do PP carballiñes, Argimiro Marnotes, que se sumou aos actos de hoxe despois de que non participasen na anterior manifestación, celebrada no Irixo.

DIFERENZAS DE OPINIÓN

O PP do Carballiño rompe coa postura oficial do PP ourensán e dos alcaldes da zona, que se postularon a favor da planta incineradora que propón a Xunta, ao asistir a esta mobilización, para reclamar que a administración galega cambie a localización da mesma. A este respecto, o secretario xeral do PSdeG, Manuel "Pachi" Vázquez, que participou na mobilización, criticou as "dobres posturas" que hai dentro do PP e insistiu que "se queres ao teu pobo, plántasche": "O demais son dobres caras que a min non me gustan", engadiu.

En opinión do socialista, non se pode quedar mal nun sitio e ben noutro, unha postura que asegurou non compartir. En alusión ao futuro da planta, Vázquez lanzou unha mensaxe á Xunta e mostrouse confiado de que ao final non se poderá facer. "Non vai haber incineradora, non imos deixar que se faga", sentenciou.

CONTRA O ALCALDE

Durante un acto lúdico, os manifestantes clamaron contra o alcalde do Irixo, favorable á instalación da planta. A berros de alcalde "do Irixo, non queremos lixo (alcalde do Irixo, non queremos lixo), os veciños participaron nunha mobilización que tivo como punto final a praza maior da vila. Unha vez na Praza Maior, a corporación municipal procedeu á lectura dun manifesto no balcón do concello, onde colocaron unha pancarta para pedir a retirada do proxecto da súa localización actual.

Pola súa banda, o alcalde do Carballiño reivindicou a súa postura contra a planta, despois de que así llo pedisen os veciños: "Son pasos que se teñen que ir dando" e "se cadra esta localización medioambientalmente non é a correcta".

Comentarios