Máis de 51.000 peregrinos chegaron en agosto a Santiago, marca desde o último Ano Santo

Un total de 51.219 peregrinos recibiron o pasado agosto a Compostela que acredita que fixeron o camiño de Santiago, a maior cantidade de visitantes desde o último ano santo de 2010.

A catedral de Santiago informou de que este total de máis de 51.000 peregrinos, que chegaron á cidade por distintos camiños e percorreron polo menos os últimos cen quilómetros a pé ou 200 en bicicleta, o día de maior afluencia foi o 9 de agosto, con 2.748.

De media, cada día do pasado mes recolleron a Compostela 1.652 camiñantes, aínda que se superaron os dous mil peregrinos diarios un total de seis xornadas. Os fins de semana do 8 ao 10 de agosto e do 22 ao 24 foron os de maior afluencia.

Unha vez máis, a maioría de peregrinos procedeu de España, un 61,09%, con Andalucía como primeiro lugar de procedencia -un 13%- seguido de Madrid, Valencia, Cataluña, Castela a Mancha e Castela-León, mentres que Galicia quedou en sétimo lugar.

Dos estranxeiros que peregrinaron a Santiago en agosto, a maioría son italianos, o 15,09% dos peregrinos, seguidos dos portugueses, alemáns, franceses e de EEUU.

No décimo lugar de peregrinos estranxeiros figuran os coreanos ao visitar Santiago un total de 454 cidadáns daquel país, mentres tamén recibiron a Compostela cen cidadáns xaponeses.

Na lista facilitada pola oficina do peregrino figuran viaxeiros doutras partes tamén moi afastadas do mundo como Nova Zelandia, 40 peregrinos, Singapura -8-, a illa de Tuvalu -3- ou dous viaxeiros de Timor Oriental e Nepal.

Por punto de partida, os peregrinos máis numerosos saíron a percorrer o camiño desde Sarria (Lugo), un 23,9% con 13.793 camiñantes, e un 7,74 -en total 3.963- desde a localidade francesa de Saint Jean P. de Port, así como outros 1.630 desde Roncesvalles.

Por profesións, os peregrinos máis numerosos foron estudantes, un 25%; seguidos dun 22,7% de empregados ou un 11,9% de profesionais liberais.

A maioría dos peregrinos foron homes -un 53% fronte ao 46,3 de mulleres-, e o percorrido a pé foi o preferido, cun 87,7%, fronte ao 11,3% en bicicleta, un 0,8% dacabalo e un 0,04%, en total 22 persoas, fixeron a ruta en cadeira de rodas.

Respecto dos motivos para realizar o camiño, un 47,2% dos peregrinos alegaron "relixiosos e outros"; un 44,6% só relixiosos e un 8,03% fixo a ruta por motivo non relixioso.

Comentarios