Máis de 22.000 persoas chegaron a Vigo en transatlánticos durante a ponte

Máis de 22.000 persoas -entre pasaxeiros e tripulación- chegaron ao Porto de Vigo a bordo de seis grandes transatlánticos durante a ponte do 1º de maio que comezou o venres.
 
Tras a estancia do Arcadia o pasado domingo, a terminal viguesa acolleu onte unha tripla escala da man do Grand Princess, o Independence of the Seas e o Vision of the Seas, cuxas esloras suman preto de 1 quilómetro de lonxitude, informou unha nota da Autoridade Portuaria.
 
Mentres, hoxe facían escala os cruceiros italianos MSC Ópera e o MSC Poesía, con preto de 6.000 persoas a bordo.
 
Ata o momento, o Porto de Vigo ten pechadas un total de 110 escalas de buques cruceiro para 2012, o que, debido ao maior tamaño dos barcos, suporá a chegada de máis de 260.000 persoas aos peiraos vigueses.
 
En canto a atracadas simultáneas, o porto acumulará un total de 13 xornadas con escalas coincidentes de máis dun cruceiro nos seus peiraos.

Comentarios