Lugo estrea dobre picada: 10.200 maiores reciben esta semana a terceira dose do covid e a da gripe

A vacinación dos maiores de 80 anos arrinca con "total normalidade" e coa previsión de que se completará nunhas "catro semanas"

Un hombre recibe la vacuna este lunes en el centro de salud de Fingoi. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Un home recibe a vacina este luns no centro de saúde de Fingoi. VICTORIA RODRÍGUEZ

Os maiores de 80 anos que non están en residencias poden vacinarse desde este luns en Galicia contra o coronavirus e a gripe. Nesta nova fase, os responsables da área sanitaria de Lugo prevén que esta semana reciban a picada 10.200 persoas na provincia, que acudirán aos centros de saúde. Dese total, 5.850 maiores corresponden ao distrito centro, 2.400 ao da Mariña e 1.950 ao do sur da provincia.

En toda Galicia, está previsto que nesta primeira xornada reciban a dose de reforzo contra o coronavirus uns 12.000 maiores. En declaracións a Europa Press, a xefa de servizo de Enfermidades Transmisibles da Consellería de Sanidade, Susana Miras, explicou que para esta semana se programaron nas sete áreas sanitarias galegas unhas 60.000 citas para maiores de 80 anos, único grupo de poboación que recibirá ao mesmo tempo a vacina da gripe. As citas envíanse por SMS.

Así, comentou que a campaña para os maiores de 80 anos con esa vacinación dual arrincou con "total normalidade" e transcorre sen incidencias. Estima que nunhas "catro semanas" este grupo de poboación estará inmunizado na comunidade galega. 

En toda Galicia programáronse unhas 60.000 citas para esta semana

Ademais, no caso da dose de reforzo do covid para as persoas de entre 70 e 79 anos, que xa poden recibir agora a vacina antigripal, Susana Miras sinalou que o "mes que vén" verán como se articula, unha vez que pasen os seis meses da dose de pauta completa. 

Na área de Vigo, o primeiro vacinado no centro de saúde de Matamá que recibiu a dobre vacinación foi Carlos A. Dez, de 81 anos, tras o que acudiu xunto a recibir a dose da gripe o matrimonio formado por Álvaro Villamarín e Carmen Torres. 

Mentres, na área sanitaria de Ourense esta semana están citadas 10.066 persoas maiores de 80 anos. Terán que acudir aos centros de saúde das cabeceiras de comarca, como na primeira campaña de vacinación contra o covid, e nos hospitais públicos de Verín e O Barco de Valdeorras. Os usuarios dos centros de saúde de Ourense e dos municipios dos seus servizos de Atención Primaria (Pereiro de Aguiar, San Cibrao, Barbadás (A Valenzá), Nogueira de Ramuín, Toén) tamén acudirán ao Hospital Universitario de Ourense.

Na área da Coruña, a vacinación fronte á gripe estacional e da terceira dose contra o covid comezou no centro de Monte Alto-A Torre. A enfermeira Cristina Gómez manifestou que nesta campaña de vacinación aproveitan "a experiencia doutros anos contra a gripe", aínda que coa "complexidade por administrar ambas". Con todo, chamou a acudir a recibir as doses porque non se pode "esquecer que o covid segue" e porque a vacinación é o que "axuda" a saír da pandemia. 

Cristina Gómez: "Non se pode esquecer que o covid segue"

Un dos primeiros vacinados na Coruña foi Antonio, que vai cumprir 87 anos e destacou que acode "sempre cando hai unha vacina". Preguntado por como lle foi, resaltou que "todas ben". "Non me decatei de nada, todo ben", apostilou. 

Por outra banda, Manuel explicou que a dose da gripe é "a primeira" que pon na súa vida "porque hai que facelo". "Que hai que poñer outra, pois é moito mellor. Non me quero ver alí arriba cos tubos; antes prefiro irme", comentou sobre a dose de reforzo. Por iso, afirmou que acudirá a vacinarse "todas as veces" que o avisen, "se pode ser o primeiro". Subliñou, ademais, que "hai que coidar moito a todos empregados" da sanidade por todo "o que se fai pola xente". 

Mentres, a área sanitaria de Santiago e O Barbanza foron citadas máis de 2.200 persoas vía SMS para a primeira xornada, coa previsión de que todo o colectivo maior de 80 anos —unhas 30.000 persoas— estea citado en tres semanas. 

Na área de Pontevedra e O Salnés habilitáronse 13 puntos de vacinación para a administración conxunta da dose do covid e o antigripal, segundo explicou o director de Enfermaría da mesma, Juan Vázquez Vilar. Espera que a vacinación antigripal de maiores de 80 anos e do covid "se prolongue dúas semanas máis, ata o 14 de novembro". 

A campaña de vacinación antigripal, que comezou a semana pasada na comunidade galega cos profesionais dos centros sanitarios, prolongarase ata finais de decembro. 

Comentarios