Mario Outeiro substituirá a Bao na Deputación de Lugo

A asemblea de militantes do BNG no Partido Xudicial de Lugo escolleu a Mario Outeiro para ocupar o posto de deputado provincial que deixou vacante o actual vicepresidente en funcións da Deputación, Antón Bao, para dedicarse de maneira total á súa nova función como portavoz municipal no Concello da capital lucense. Con todo, é o edil barreirense Antonio Veiga o nome que soa con máis forza para ocupar a vicepresidencia do organismo provincial, que ocupaba Bao.

Desde que Bao anunciou publicamente que nos próximos catro dedicaríase en exclusiva ao Concello de Lugo, o nome de Mario Outeiro soou nos círculos nacionalistas para substituílo na Deputación Provincial, onde o BNG contará con dous representantes neste novo mandato.

Outeiro foi elixido por unha ampla maioría entre os concelleiros electos dos 21 municipios que compoñen o Partido Xudicial de Lugo: Baralla, Becerreá, Castroverde, Castro de Rei, Cervantes, O Corgo, Friol, Guntín, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, As Nogais, Outeiro de Rei, O Páramo, Paradela, Pedrafita, Pol, Rábade, Samos e Sarria.

Segundo informaron fontes nacionalistas, na asemblea da noite do marte destacouse o traballo realizado por Mario Outeiro e os demais integrantes da lista nacionalista no municipio do Corgo, onde subiu un 37% en porcentaxe de votos con respecto ás anteriores municipais.

Mario Outeiro é enxeñeiro técnico industrial pola especialidade de Química, ten 32 anos, está casado e ten un fillo. Foi presidente durante dous anos da asociación Terras de Lugo, que xestiona os fondos europeos Leader na comarca, e exerce como profesor de Secundaria no CPI de Cervantes.

Logo de ser elixido polos seus compañeiros de partido, agradeceu a confianza depositada na súa persoa e confirmou que o seu obxectivo será continuar o traballo realizado polo BNG na Deputación de Lugo durante os últimos catro anos, grazas á súa presenza no goberno de coalición.

Comentarios