En Marea esixe que os deputados favorables a Sande entreguen as súas actas

Á formación correspóndelle a designación dun senador na Cámara Alta, o que está a dividir o grupo

A viceportavoz de En Marea, Ana Seijas (c) durante a rolda de prensa que ofrece este martes na sede da formación política. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera A viceportavoz de En Marea, Ana Seijas (c) durante a rolda de prensa que ofrece este martes na sede da formación política. LAVANDEIRA JR. (EFE)

En Marea esixiu este martes que os oitos deputados que apoiaron nunha votación telemática a José Manuel Sande como candidato a senador por designación autonómica, en contra da proposta da dirección do partido, entreguen a súa acta de deputados.

A En Marea correspóndelle, en base aos resultados electorais das eleccións autonómicas de 2016, elixir a un representante para a Cámara Alta. Co obxectivo de elixir á persoa candidata para este posto, na xornada do pasado mércores celebrouse unha votación no grupo parlamentario para elixir o candidato a senador entre José Manuel Sande –concelleiro de Marea Atlántica– e Mariló Candedo –proposta polo Consello das Mareas–.

Os parlamentarios que apoiaron a Sande foron o cinco integrantes de Podemos –Luca Chao, Paula Quinteiro, Marcos Cal, Carmen Santos e Julia Torregrosa–, o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez; Manuel Lago e Ánxeles Cuña.

A viceportavoz de En Marea, Ana Seijas, explicou que se solicitará a baixa na formación destas persoas ante unha "infracción moi grave do código ético".

Ademais, pediráselles que abandonen o grupo parlamentario de En Marea e "renuncien ás súas actas ao non representar a vontade" do partido polo que foron elixidos.

No entanto, cada acta é persoal, polo que ningunha organización pode forzar a renuncia da condición de deputado a pesar de que a dirección de En Marea insistiu este martes en denunciar o "transfuguismo e golpismo político" duns deputados que "obedecen" a un Podemos marcado polo "afán de destruír as confluencias en todo o Estado".

Con todo, de maneira previsible estes deputados desatenderán a petición de dimisión da cúpula de En Marea pois non recoñecen á dirección da organización que lidera Luís Villares como órgano superior ao que o grupo parlamentario se deba. 

PROPOSTA DE VILLARES

A preguntas dos medios, Ana Seijas non concretou se Villares, na súa condición de portavoz parlamentario, seguirá adiante coa súa proposta para senadora a instancias da dirección e rexistrará o nome de Candedo para o cargo antes das 13.30 horas do venres.

Isto obrigaría a pronunciarse á Mesa do Parlamento sobre a cal proposición outorga validez, se á dos deputados críticos (maioría de oito sobre 14 no grupo) ou á do portavoz do grupo. Trataríase, de confirmarse, dunha situación sen precedentes na historia da Cámara galega.

O pasado luns, fontes do Parlamento galego consultadas por Europa Press confirmaron que se esa é "a vontade maioritaria do grupo" deben "acreditala documentalmente a través dunha acta asinada polos asistentes á reunión" para trasladala á Mesa do Parlamento. Este trámite foi completado na mañá deste martes por dez deputados de En Marea, que asinaron unha acta na que formalizan o nome de Sande como proposta maioritaria do grupo para ser senador.

"Estes deputados débense a esta organización", aseverou Seijas, que instou aos parlamentarios críticos a "reconsiderar a súa actitude".

A situación aberta deixa ao bordo da ruptura definitiva ao grupo de En Marea, que podería ver como algún dos dous bloques nos que se dividen os seus representantes no Pazo do Hórreo acaba no grupo mixto.

Se isto ocorre, segundo Seijas, "a responsabilidade non será de En Marea" senón dos deputados "que non acatan" o que marca a dirección política da organización "pola que se presentaron" nas eleccións autonómicas, cita na que a segunda forza no Parlamento concorreu como partido instrumental de adscrición individual.  

Comentarios