''Ao Goberno de Touriño non lle treme a man coas empresas''

(Foto de archivo: Otto. AGN)
photo_camera (Foto de archivo: Otto. AGN)

Ao Goberno galego "non lle treme a man coas empresas". Así de contundente mostrouse o conselleiro de Medio Ambiente, o socialista Manuel Vázquez, en relación coas compañías con ansias de establecerse en espazos pertencentes á Rede Natura.

Nunha entrevista concedida a RNE, Vázquez reiterou unha vez máis un dos seus anuncios máis 'polémicos', ao desobedecer as ordes de Madrid que prohiben á Xunta vetar máis hidroeléctricas: "mentres este goberno siga á fronte de Galicia, non haberá nin unha soa concesión de encoros".

'Temos que asumir as críticas'
"Están en marcha todos os trámites para modificar a Rede Natura”, segundo explicou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, quen recomendou “escapar da inmediatez electoral nos cambios estruturais dun país”.

Así, as modificacións para a amplicación da Rede Natura non estarán listas no que queda de lexislatura. A Xunta está a tratar de ampliala contando cunha “política participativa, científica, con análise dos hábitats; e iso leva tempo”, dixo Manuel Vázquez.

¿O atraso é para adaptarse ás plantas acuícolas? “Temos que asumir as críticas”, admitiu Manuel Vázquez, quen asegurou que “ao Goberno de Touriño non lle treme a man coas empresas, nin en minicentrais, nin en eólicas, nin en acuicultura; e se non que lle pregunten a Pescanova”, dixo en referencia á factoría que tiña previsto construír a compañía con sede en Vigo en Cabo Touriñán, e que agora constrúe en Mira (Portugal).

O conselleiro congratulouse da decisión do Goberno galego de non permitir novas encoros en Galicia, “outra cousa é a repotenciación” dos xa existentes. “Non haberá unha soa concesión de encoros en Galicia mentres este Goberno estea aquí”, dixo.

Permisividade
Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, anunciou o final da “permisividade” das empresas contaminantes en Galicia.

“Había unha cultura propia do PP de meter todo debaixo da alfombra”, asegurou o conselleiro de Medio Ambiente, quen indicou que cando chegaron o PSOE e o BNG ao Goberno de Galicia percibiuse que “toda Galicia estaba sen depurar, o lixo enterrábase nun 80%, había máis de 5.000 puntos de verteduras” na comunidade.

Manuel Vázquez sinalou co dedo ao PP como “responsable estrutural de como está Galicia”. E dixo que “eles tiveron 16 anos para cambiar todo [no ámbito do medio ambiente] e non fixeron nada”.

Lei integral de residuos
A nova Lei de Residuos de Galicia, debatida esta semana no Parlamento de Galicia e que reflexa sancións de ata dous millóns de euros, obrigaría, se estivese en vigor cando se produciu a vertedura de Brenntag no río Ulla, á empresa “a pagar os oito millóns de euros que nos custou liquidar a crises”.

Manuel Vázquez augurou que as empresas que prefiren pagar as multas antes que corrixir as deficiencias ambientais “atoparanse con sorpresas importantes” de agora en diante.

“Se pechamos hoxe Sogama, sen ter unha lexislación e novas plantas para tratar o lixo significaría deixarlle o lixo nas casas á xente; e iso é facer demagoxia pura e dura”. O conselleiro de Medio Ambiente apostou por cambiar de modelo con apoio do BNG. E, segundo dixo, niso está o Goberno da Xunta.

Un cambio que levará tempo
O carballiñés detallou as accións suporán o cambio de modelo: “Hai que aprobar unha nova Lei de Residuos, un Plan Galego de Residuos Sólidos Urbanos, pór en marcha non menos de tres grandes plantas en toda Galicia, elixir o novo modelo e facelo en consonancia cos concellos de Galicia”.

Ao seu xuízo, “o cambio será estrutural e profundo, pero levará tempo”.

O conselleiro destacou que o cambio climático é “o gran problema da humanidade”. E augurou que “sería desafortunado” frear as políticas para frear o quecemento global a pesar da crise.

Comentarios