Baltar e Calvo, únicos candidatos á presidencia do PP de Ourense e A Coruña

No caso de Manuel Baltar a comisión acordouno por unanimidade, mentres que Diego Calvo foi avalado por 2.025 afiliados
Diego Calvo y Manuel Baltar. EP
photo_camera Diego Calvo e Manuel Baltar. EP

As comisións organizadoras dos congresos provinciais do PP de Ourense e da Coruña proclamaron únicos candidatos á presidencia do PP nestas provincias a Manuel Baltar e Diego Calvo, respectivamente.

No caso de Baltar, e de cara ao XVIII Congreso Provincial do Partido Popular de Ourense, a comisión acordou por unanimidade proclamalo como único candidato á presidencia da formación.

Fíxoo tras comprobar, tal e como establece o artigo 22 do regulamento, "que o precandidato reúne os apoios estatutarios e regulamentariamente requiridos", condicións entre as que figuran conseguir un mínimo de 75 avais entre os afiliados, estar adherido ao partido desde fai máis de 12 meses e estar á corrente do pago das cotas e achegas por cargo. 

A proclamación de Manuel Baltar como único candidato implica que non se convocarán asembleas para a votación de precandidatos entre os afiliados inscritos. A comisión organizadora, reunida este mércores, tamén acordou dar por convocada a campaña electoral interna

Mentres, a comisión organizadora do XVI Congreso dos populares da Coruña proclamou oficialmente a Diego Calvo como único candidato á presidencia do Partido Popular da provincia coruñesa, tras ser avalado por 2.025 afiliados

O pasado luns, Calvo presentaba a súa candidatura para liderar outros catro anos a formación na provincia da Coruña, asegurando que se presenta con ganas de seguir "sumando para seguir facendo aínda máis forte o partido" coa incorporación de novas persoas que permitan á súa formación afrontar con garantías os próximos retos electorais. 

Ademais, o comité do congreso, que terá lugar o 25 de setembro, anunciou tamén que, desde o 28 de agosto e ata o 8 de setembro, os afiliados rexistrados poderán presentar a súa solicitude para optar a unha das prazas de compromisarios

Posteriormente, o 14 de setembro, celebraranse asembleas para a elección dos nomes definitivos de cada un dos compromisarios nos municipios, sempre que haxa máis solicitudes que prazas adxudicadas.

Comentarios