lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

Máis de 300 persoas marchan ao redor de Meirás para rexeitar un "novo espolio"

Isabel Risco y Fernando Morán, caracterizados como Carmen Polo y Francisco Franco, en la marcha de este sábado en Meirás. KIKO DELGADO (Efe)
Isabel Risco e Fernando Morán, caracterizados como Carmen Polo e Francisco Franco, na marcha deste sábado en Meirás. KIKO DELGADO (Efe)
Rexeitan que se permita aos Franco retirar os bens do interior do inmoble, que reivindican que sexa un lugar no que recordar as persoas represaliadas durante o franquismo

Máis de 300 persoas participaron este sábado nunha manifestación en Sada para rexeitar que se cometa "un novo espolio" no pazo de Meirás, ante o "perigo" de que as administracións e os xulgados permitan aos Franco retirar os bens mobles do interior do inmoble.

Apoiada por 68 entidades, esta protesta foi convocada pola iniciativa Defende Meirás, baixo a lema O pazo para o pobo co fin de demandar "protección" para os bens mobles e reivindicar que sexa un lugar no que recordar as persoas represaliadas durante o franquismo.

Ao berro de "No pazo de Meirás, franquismo nunca máis", a marcha, secundada tamén por representantes políticos como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, comezou ás 12.00 horas e percorreu as rúas próximas ao pazo, ao ritmo de gaitas.

Tras finalizar o traxecto, os actores Fernando Morán e Isabel Risco amenizaron o acto cunha breve función na que se puxeron con humor na pel do ditador Francisco Franco e a súa muller, Carmen Polo.

Os manifestantes advirten de que "a batalla por Meirás non acabou"

Despois, o grupo de pandereteiras Tanxugueiras ofreceu un pequeno concerto ante as portas do recinto, en cuxo muro os participantes colgaron unha gran pancarta que reza "Que nos devolvan o roubado. Franquismo nunca máis".

Finalmente, os autores do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo leron un manifesto no que advertiron de que "a batalla por Meirás non acabou", en alusión ás últimas decisións xudiciais que poñen en dúbida a propiedade dos bens mobles. "Se as administracións públicas non actúan estarán a contribuír a un novo espolio tremendamente doloroso ao producirse en democracia", remarcou o historiador Manuel Pérez.

Neste contexto, Babío insistiu en reivindicar que Meirás sirva "para honrar a memoria das vítimas" da ditadura sen menoscabo "doutras funcións e valores" que atesoura o conxunto da parcela. Ao seu xuízo, o pazo debe ser no futuro "un espazo referente de memoria democrática". 

Os organizadores lamentaron que o Goberno central non lles permitise a entrada aos xardíns do pazo de Meirás, que abrirá ao público o próximo fin de semana.

Imaxes portadas na manifestación. EFE

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apoiou "a reclamación que fai a sociedade galega para a devolución íntegra de Meirás". "Hai que recoñecer que se hoxe estamos onde estamos é grazas á mobilización social e grazas á presión", sostivo a nacionalista, que atribuíu á sociedade o "debate gañado" do recoñecemento de que o pazo "foi un ben expoliado" que debe ser devolto.

No entanto, dixo que o feito de que unha sentenza estableza que o Estado debe indemnizar aos Franco é "o mundo ao revés". "É absolutamente rocambolesco que se entenda que os bens que están dentro do pazo non forman parte dunha unidade", subliñou. Neste sentido, insistiu en que a sociedade está a dar de novo "un toque de atención" á Xunta e ao Goberno central, que teñen que "poñerse as pilas" para que este proceso finalice "con bo pé".

Pola súa banda, o deputado de Unidas Podemos Antón Gómez Reino agradeceu "o traballo incansable" do conxunto de asociacións memorialistas que se esforzaron para que o pazo recuperase a titularidade pública. "Quedan os últimos pasos", subliñou, ademais de incidir na necesidade de garantir que os Franco "de ningún xeito continúen facendo uso ou apropiándose de bens". A partir de aí, chamou a traballar para que o pazo de Meirás sexa "fundamentalmente" un espazo de recuperación da memoria democrática.

Participantes na protesta deste sábado xunto ao pazo de Meirás. EFE

Máis de 300 persoas marchan ao redor de Meirás para rexeitar un...
comentarios