Lugonovo e Ames Novo súmanse ao "paraugas" de En Marea para as eleccións

Con estas son xa sete as mareas municipalistas que se adhiren ao acordo de colaboración da dirección nacional de En Marea

Cristina Pérez Herraiz y Luis Villares. EP
photo_camera Cristina Pérez Herraiz y Luis Villares. EP

Lugonovo e Ames Novo son as últimas candidaturas municipalistas en sumarse ao protocolo que ofrece a dirección de En Marea que, ademais de prestar a súa axuda en materia loxística e en tarefas de coordinación, implica que se presentarán baixo a marca "paraugas" do partido coa que buscan aumentar o peso das mareas nas deputacións. Con estes son xa sete os proxectos municipalistas que se adhiren ao acordo de colaboración da dirección nacional de En Marea, logo de que, nas últimas semanas, o fixesen Marea de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos Cambados, Somos En Marea Sanxenxo e En Marea Ponte Caldelas. 

O portavoz rupturista, Luís Villares, arroupou o pasado xoves, acompañado por membros da coordinadora do partido instrumental, a Lugonovo durante o acto no que escenificaron a súa adhesión á proposta, que xa fora anunciada a pasada semana. Nas pasadas eleccións municipais, Lugo rexistrou dúas candidaturas do espazo político da chamada "unidade popular": por unha banda, Alternativa Cidadá de Esquerdas —na que se integra Esquerda Unida—; e Lugonovo, fundada por sectores próximos a Anova, Podemos e Espazo Ecosocialista. 

Neste tres anos, Lugonovo atravesou unha etapa convulsa, con dimisións de edís e o abandono do proxecto por parte do partido morado e da formación nacionalista. Deste xeito, a marea lucense acóllese ao protocolo que establece En Marea, polo que todo parece indicar que no ano 2019 volverán competir nas urnas varias candidaturas do espectro da unidade popular; tendo en conta que EU e Podemos pretenden facer valer o acordo establecido a nivel estatal para concorrer en coalición baixo o nome de 'Unidas Podemos'.

AMES. O caso de Ames (A Coruña) é similar no tocante a que tamén existen varios proxectos municipalistas que concorreron ás urnas en 2015 e que contan con representación na corporación local. 

Ames Novo, que tamén viviu un mandato marcado por varias renuncias —entre elas a da súa candidata en 2015, Pilar Candocia—, foi unha das primeiras mareas en constituírse en Galicia. Por outra banda, no municipio da comarca de Santiago tamén existe Contigo Pódese, candidatura promovida por Podemos. 

Así as cousas, Ames Novo avanzou que en 2019, con Quique Costas como candidato á alcaldía, presentaranse ás eleccións baixo o "paraugas" de En Marea, que o pasado mes de marzo aprobou propor este protocolo a todas as mareas municipalistas.

SITUACIÓN INTERNA. No entanto, algunhas das mareas municipalistas máis representantivas, como a de Santiago —Compostela Aberta—, A Coruña —Marea Atlántica— ou Ferrol —Ferrol en Común— non concretaron se están dispostos a aceptar a proposta da dirección do partido instrumental nun momento no que se viron avivadas as desavinzas internas no seo rupturista. 

O feito de que membros da dirección de En Marea que encabeza Luís Villares apoiasen o nacemento de Marea de Ferrol —herdeira de Marea Ártabra e formada por algúns exmiembros de Ferrol en Común— xerou malestar en certos proxectos municipalistas que cren que a coordinadora do partido instrumental está a actuar contra a independencia das mareas locais. 

Un dos referentes do espazo político, Xosé Manuel Beiras, advertiu o pasado sábado á dirección de En Marea que a unidade popular "naceu" nas eleccións de 2015 coa configuración de proxectos de carácter local, non con "a creación dun partido". 
 

Comentarios