Lugo pechou o exercicio de 2013 cun superávit de 7 millóns de euros

O Concello de Lugo pechou o pasado exercicio económico cun superávit de 7 millóns de euros, segundo se desprende das conta xerais da Administración local, presentadas hoxe pola edil de Economía, Sonia Méndez.

A concelleira incidiu na "boa situación económica" do consistorio e do rigor do goberno local na xestión.

En declaracións aos medios de comunicación, Sonia Méndez recordou que o Concello de Lugo incrementou nun 5% o gasto por habitante, a pesar de que logrou reducir a débeda e o esforzo fiscal dos cidadáns, polo que dixo que "non atoparán nada aqueles que rascan para buscar algún dato negativo".

De feito, afirmou que a débeda municipal baixou nun 21%, mentres que o esforzo fiscal dos cidadáns diminuíu nun 1,4%.

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, afirmou que os datos da conta xeral confirman a "incapacidade de xestión" dos socialistas, porque o pasado ano "só se investiu a quinta parte que en 2011" e o goberno local "só foi capaz de xestionar un de cada cinco euros previstos para 2013".

Comentarios