Louzán desvela que hai ''conversacións'' para fusionar concellos en Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, considerou que o Executivo provincial está "preparado" ante a Reforma de Lei de Bases de Réxime Local contemplada polo Goberno de España e revelou a existencia de "conversacións" en materia de fusión de concellos na provincia.

Durante o almorzo informativo de balance de ano, o presidente considerou como postulantes a municipios pontevedreses de baixa poboación e non a aqueles que na actualidade se atopan nunha situación de seguimento "especial" por parte do Ministerio de Facenda.

"Eses concellos están a cumprir coas previsións e esa situación está estabilizada", comentou.

Así mesmo, matizou que este tipo de iniciativas serán "voluntarias sempre" e explicou que, a pesar de que "nalgún momento estiveron máis remisos", na actualidade, "trabállase nesa dirección".

Con respecto ás relacións entre a Deputación e o consistorio vigués, Louzán solicitou ao alcalde, Abel Caballero, que "recapacite" para chegar a un acordo e mostrouse "aberto a novas actuacións" se se atende á súa oferta de diálogo.

Tras as críticas de Abel Caballero relacionadas cunha diminución das achegas en materia social e cultural para a cidade, expresou que un terzo dos orzamentos provinciais están dedicados á  cidade aínda que, matizou, "non da man do Concello senón de colectivos ".

 É por iso que tachou a Caballero de "ególatra" e de actuar con falta "de formas" nas súas solicitudes, unha actitude que considera "prexudicial para a cidade" tal e como demostrou o fracaso en política aeroportuaria.

En relación á selección dun candidato por parte do Partido Popular ás próximas eleccións municipais, Louzán considerou que o partido conta "cun elenco de candidatos amplo" aínda que estimou que a decisión será tomada "no momento oportuno" durante o ano 2014.

Así mesmo, considerou ao actual líder do PP en Vigo, José Manuel Figueroa, como "fundamental" aínda que non se pronunciou sobre se será o elixido.

"Será unha persoa con capacidade para o posto", sentenciou.

Comentarios