Louzán declarará este xoves ante De Lara por presunto suborno pasivo

O expresidente da Deputación de Pontevedra deberá responder os lotes de viño que recibiu supostamente da empresa Monbus
Rafael Louzán
photo_camera Rafael Louzán

O expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, declarará este xoves ante a titular do xulgado de instrución número un de Lugo, Pilar de Lara, que o citou como investigado por un delito de suborno no marco da operación Cóndor. En concreto, deberá presentarse ás 10.30 da mañá para aclarar se foi un dos políticos e funcionarios de distintas administracións que recibiron agasallos do Nadal por parte do grupo Monbus, consistentes fundamentalmente en lotes de viño.

O principal investigado nesta causa, na que están imputados 24 políticos e altos funcionarios de varias comunidades —a maioría procedentes de fóra de Galicia—, é o propietario do grupo Monbus, Raúl López, investigado polos delitos de suborno, tráfico de influencias, fraude e exacciones ilegais, aproveitamento de información privilexiada, falsidade documental, delito contra a facenda pública, branqueo de capitais e corrupción entre particulares. A el atribúeselle, segundo o auto xudicial, o deseñar "un complexo armazón" no que conseguía beneficiar á súa compañía, "aproveitando as súas relacións a alto nivel político e empresarial".

De Lara decidiu citar a Louzán despois de que un informe do servizo de Vixilancia Aduaneira concluíse que o actual presidente da Federación Galega de Fútbol recibiu entre os anos 2010 e 2013  lotes de viños por importe de 1.476,31 euros, entregados no domicilio particular que o expresidente da Deputación ten en Ribadumia. Ademais, o servizo dependente da Axencia Tributaria desvela que entre 2006 e 2015, baixo a presidencia de Louzán, a empresa Transportes A Unión, pertencente ao grupo Monbus, recibiu da Deputación de Pontevedra pagos que ascenden a 112.000 euros.

No auto asinado por Pilar de Lara, a xuíza conclúe que este tipo de agasallos, que cualifica como "moralmente sancionables", non alcanzan relevancia penal salvo no caso de que superen os 400 euros, límite legal que fixa para que mereza este "reproche penal". A maxistrada entende que calquera dádiva que exceda esa cantidade "vai máis aló dos usos sociais e dos valores habituais", así como do que poida ser considerado como "agasallo de mera cortesía", algo que pode ter capacidade de "turbar" a imparcialidade dos funcionarios e das autoridades.

Comentarios