Losada anuncia un plan para frear a sinistralidade viaria en Galicia

Desde xaneiro faleceron nas estradas interurbanas 92 persoas, un 37% máis que no mesmo período do ano anterior

Javier Losada. CABALAR (EFE)
photo_camera Javier Losada. CABALAR (EFE)

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, alertou este luns do aumento "inadmisible" das cifras de sinistralidade viaria en Galicia, "unha dura realidade que é difícil de asumir e á que debemos pór freo", polo que anunciou un plan de choque.

Nunha comparecencia na Delegación do Goberno, debullou primeiramente as principais cifras que presentará o vindeiro mércores na reunión da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria, cuxa asemblea convocou de forma extraordinaria ante as cifras destes meses.

Javier Losada analizou, así, os datos de sinistralidade nestes primeiros dez meses do ano 2018, que arroxan un incremento substancial de accidentes mortais e vítimas en Galicia. Desde xaneiro, indicou o delegado do Goberno, faleceron nas vías interurbanas galegas 92 persoas en 88 accidentes mortais, o que supón un 37% máis de vítimas e un 42% máis de accidentes mortais (67 vítimas en 62 accidentes mortais) que no mesmo período do ano anterior.

Por provincias, A Coruña alcanza os 39 falecidos, seguida de Lugo e Pontevedra con 19 falecidos, respectivamente; e Ourense, que pecha con 15 vítimas mortais.

Analizando a evolución nos últimos anos, o delegado do Goberno insistiu na necesidade de consolidar a senda do descenso en vítimas que se estaba rexistrando nesta década.

Este será o obxectivo principal da próxima reunión da Comisión Autonómica de Seguridade Viaria: analizar os datos e propor medidas que axuden a reverter a tendencia positiva de 2018.

A pesar de que se rexistrou un aumento da mobilidade en Galicia dun 2%, Javier Losada apelou á concienciación dos condutores: "O automobilista cando colle un volante debe ser consciente da responsabilidade que asume", indicou, e engadiu que as modificacións normativas comprobáronse como claves para promover cambios efectivos de comportamento.

Así, o delegado debullou as principais medidas que se pretenden pór en marcha e a súa implicación en Galicia. Entre estas, figuran a de loitar contra o uso do móbil ao volante. O delegado do Goberno cualificou este aspecto de prioritario e agregou que nestes momentos en Galicia está a realizarse un proxecto piloto de vixilancia móbil mediante o uso de camións e furgonetas camufladas.

Tamén é crucial diminuír a velocidade en vías convencionais e zonas urbanas, dado que os datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), apuntou Javier Losada, constatan un aumento da velocidade media nas vías galegas neste ano.

Usar o cinto de seguridade e os sistemas de retención será outro dos aspectos nos que se poña o foco. O delegado do Goberno concretou que o 24% dos falecidos en accidentes de tráfico este ano non usaba o cinto de seguridade (caso de 22 mortos). Trabállase, xa que logo, coa vista posta en incrementar ata 4 a perda de puntos por non facer uso destes sistemas de seguridade.

Comentarios