Os traballadores de Povisa abandonan a folga de fame tras 13 días de xaxún

Representantes do sindicato SGPS explican que foron os traballadores de en asemblea os que "obrigaron" aos seus compañeiros a abandonar a protesta ao comezar a manifestar serios problemas de saúde

Os traballadores do Hospital Povisa en folga de fame desde o pasado día 10 decidiron abandonar a protesta que iniciaron para oporse ao despedimento de trece compañeiros e á modificación das quendas doutros vinte e cinco, anunciados pola dirección.

Ruth Vallejo, do sindicato SGPS, explicou en declaracións a Efe que foron os traballadores en asemblea os que "obrigaron" aos seus compañeiros a pór fin ao xaxún, xa que as súas analíticas "estaban moi alteradas" e comezaban a ter serios problemas de saúde.

O pasado día 10, a presidenta do comité de empresa, María Jesús Neira; a súa compañeira do sindicato CIG, Carmen Couto, e Eduardo Davila, de SGPS, iniciaron a folga como "última alternativa" tras anos de mobilizacións, folgas e manifestacións que, segundo denunciaron, "non daban resultado".

Un dos trece traballadores despedidos, Alejandro Villar, decidiu sumarse aos seus compañeiros a semana pasada mentres que Eduardo Davila tivo que abandonar por motivos de saúde, tras perder máis de 10 quilos en menos de dúas semanas.

Vallejo indicou que os traballadores aínda "non están derrotados" senón "esgotados física e mentalmente", e anunciou que continuarán coas mobilizacións e coa súa actividade en redes sociais para avisar aos usuarios de Povisa da "perda de calidade asistencial" que leva a redución no persoal.

Así, iniciarán mañá en Coia unha rolda de reunións con cidadáns de Vigo e a súa comarca para informarlles da situación actual do hospital.

A sindicalista censurou tamén a "actitude" da Xunta de Galicia e tachou de "indignante" que a delegada en Vigo, María José Bravo Bosch, afirme que o Executivo galego "non debe intervir nunha empresa privada" cando "Povisa recibe diñeiro público a través do concerto co Sergas".

Comentarios